Mancomún

Obradoiros de xestión de clientes con software libre CRM no CDTIC

Luns, 4 Xullo 2016

Logotipo do CDTIC O CDTIC en colaboración coa empresa Ultreira Comunicaciones S.L está a impartir durante estes días unha serie de seminarios enfocados á xestión de clientes con software aberto de tipo CRM. 

Nestes seminarios os asistentes poderán coñecer as alternativas en software libre para a xestión de clientes e comprobarán de primeira man as vantaxes de aplicar estas solucións ao seu negocio. Nos seminarios, de carácter eminentemente práctico falarase de distintas ferramentas CRM de código aberto como poden ser VTiger, SugarCRM e mesmo Odoo (antigo OpenERP).
A primeira sesión dos mesmos xa está dispoñible para a súa reprodución en liña. Trátase dunha sesión máis xeral e de tipo informativa sobre a xestión de clientes a través de diferentes alternativas en software libre. O programa incluíu:

  • Organización da acción comercial da empresa, tanto en medios tradicionais como por internet
  • Que é unha ferramenta de xestión de clientes (CRM)? Que achega á miña empresa?
  • Alternativas de CRM privativos e en software libre
  • Exemplos de CRM de software libre: algunhas diferenzas e vantaxes
  • Criterios para seleccionar un CRM libre e un provedor
  • Caso práctico: traballar cun CRM libre: Sugar CRM

A sesión foi impartida por Ultreia Comunicaciones S.L. Esta empresa adoita levar a cabo instalacións e mantemento de sistemas Linux e de software libre para todo tipo de organizacións, dende pemes até grandes empresas ou administracións. Por exemplo, ten desenvolvido proxectos de CRM para empresas comerciais e institucións como o Campus do Mar da UVIGO.

Odoo no CDTIC Virtual

Aproveitamos para lembrar que o CDTIC Virtual ofrece un servizo de proba de solucións de software libre na nube, entre as que se atopa Odoo. Este servizo permite a calquera empresa ou particular solicitar unha instancia das aplicacións dispoñibles para o seu uso durante un período de 15 días e ampliable ata un mes. Mediante este servizo pódese probar a fondo calquera das ferramentas sen necesidade de dispoñer dunha infraestrutura propia e ter que facer unha instalación da mesma.

Ademais, tedes á vosa disposición o artigo “Solucións de planificación e xestión dos recursos empresarias (ERP) con Software Libre: Odoo/OpenERP” no que presentabamos entrevistas a dous casos de éxito de empresas usuarias de Odoo e dos seus correspondentes provedores TIC.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal