Mancomún

Obradorios de introdución ao software libre no IES de Arzúa

Martes, 22 Marzo 2011

Logo de MelisaOs próximos días 23 e 24 de marzo, en horario de 10:50 a 12:00 horas, a asociación de usuarios de software libre de Melide, Melisa, vai impartir dous obradoiros no IES de Arzúa, co obxectivo de formar aos asistentes nos conceptos básicos do Software Libre así como amosarlles as alternativas existentes para as aplicacións máis usadas na empresa.

Estes obradoiros están dirixidos ao alumnado do ciclo superior de Administración e Finanzas do centro arzuano e serán impartidos polo Enxeñeiro Superior en Informática e presidente de Melisa, Rafael Rodríguez Gayoso.

Programa

Primeira sesión (23 de marzo):

  • Presentación. Farase unha breve presentación do poñente así como da Asociación Melisa.
  • Introdución ao Software Libre. A través da reprodución dun vídeo explicativo, farase unha pequena presentación dos conceptos máis importantes que rodean ao Software Libre.
  • Formatos abertos. Explicación da importancia que ten hoxe en día o uso de formatos abertos para almacenar e compartir os nosos documentos.
  • Sistema operativo GNU/Linux. Presentación de diferentes distribucións deste sistema operativo. Xestión de paquetes en Ubuntu. Xestor de actualizacións automáticas. Aplicacións multimedia.
  • Aplicacións libres na empresa. Presentación de diversas aplicacións informáticas de carácter libre, usadas actualmente nas empresas (paquetes ofimáticos, mensaxería, xestión integrada, servidores, páxinas web, etc.)

Segunda sesión (24 de marzo):

  • O DNI electrónico. Explicaranse as características e vantaxes do novo DNI. Demostración práctica dalgún dos usos máis frecuentes a través dos servizos ofrecidos por diferentes organismos e empresas privadas.
  • A factura electrónica. Características e requisitos legais do novo modelo de factura. Demostración práctica das vantaxes do seu uso. Xeración, envío e almacenaxe dunha factura electrónica.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal