Cidadanía, cooperativa que traballa desde o ano 2000 en procesos de democracia participativa e participación cidadá, foi adxudicataria dunha bolsa de innovación da Fundación Caixanova, para apoio ao desenvolvemento do Proxecto e-cidadania.
O proxecto consiste na creación dunha plataforma que posibilite procesos participativos a través de internet, seguindo os criterios metodolóxicos de Cidadania.
Para concorrer á bolsa e colaborar neste proxecto buscan un perfil de persoa de ata 27 anos, con formación en software libre (capacidade básica de programación) e no funcionamento de redes sociais e web 2.0.
A bolsa, que se desenvolverá en Santiago de Compostela, ten unha duración de seis meses (1 de decembro de 2010 a 31 de maio de 2011). A intención de Cidadania é dar continuidade a esta persoa na cooperativa a través de contratación, sempre que se dea un bo encaixe competencial e humano no equipo.
Todas aquelas persoas interesadas deberán achegar o seu curriculum o antes posible e ata o 26 de novembro ao enderezo electrónico cidadania en cidadania.coop sinalando como asunto Bolsa Fundación Caixanova.
