O Observatorio da Sociedade da Información da Amtega publicou o seu informe anual sobre o uso de software de estándares abertos nas entidades locais
No último ano incrementouse en 3 puntos a porcentaxe de municipios que dispón de software libre nalgún equipo informático
Os concellos que empregan navegadores de internet de estándares abertos duplican aos que optan só por navegadores de software privativo
Case a metade dos concellos galegos, que contan cun xestor de contidos de portais e páxinas web, empregan a modalidade de software libre
Máis do 50% das entidades locais, que dispoñen na súa páxina web de documentos descargables, opta exclusivamente por estándares abertos
A Amtega vén desenvolvendo desde 2010 estratexias anuais de impulso ao uso do software libre entre a cidadanía, as empresas e as administracións en colaboración cos axentes galegos do software libre
O 82,6% dos concellos dispón de software libre no seu equipamento informático, ben en ordenadores de usuario ou servidores, rexistrando un incremento de 3,1 puntos porcentuais no último ano. Concretamente, o 77,1% dos concellos galegos contan con software libre nos equipos informáticos de usuario e o 47,3% dos concellos contan con software libre nos seus servidores.
Son datos do informe sobre o Software Libre nos Concellos de Galicia, con período de referencia o último trimestre do ano 2015, que publica o OSIMGA, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
Nivel de implantación do Software Libre nos concellos galegos
O informe sinala que o software libre ten maior implantación nas aplicacións libres que nos sistemas operativos dos ordenadores. Así, a porcentaxe de concellos con aplicacións libres nos ordenadores duplica á dos que dispoñen de sistemas operativos con estándares abertos.
A combinación de software libre e software privativo é a máis común en todas as aplicacións informáticas de uso xeral analizadas, agás no caso do antivirus e seguridade, no que o software privativo rexistra unha maior presenza. É salientable que no caso dos navegadores de internet, a porcentaxe de concellos que opta só por software libre (26%) é máis do dobre que a que opta só por software privativo (11%)
Case a metade dos concellos galegos, que contan cun xestor de contidos de portais e páxinas web, optan pola modalidade de software libre, concretamente o 48,1%, superando en 7,4 puntos ao software privativo.
Máis do 50% dos municipios galegos que contan na súa páxina web con documentos descargables, opta exclusivamente por estándares abertos, concretamente, o 51,7%, mentres que o 40,1% dos concellos emprega as dúas tipoloxías de estándares e un 6,2% emprega exclusivamente estándares pechados.
Barreiras e propostas de actuación
A falta de formación é a razón principal pola que os concellos non contan con software libre nas súas entidades (64,8%), seguido polo descoñecemento do software libre ou a falta de información e a falta de persoal ou de cualificación, estas dúas causas acadan o 56,4% e o 56,2%, respectivamente.
Non obstante, o 80% dos concellos galegos consideran que o software libre aumentará ou manterase nos próximos dous anos.
A principal acción que se demanda dende os concellos para a promoción do software libre é a formación aos usuarios nesta materia (83,8% dos concellos), seguido polo asesoramento ao caso concreto do concello cun 75,9%.
Plans anuais de impulso ao software libre
Este informe enmárcase na Axenda Dixital de Galicia 2020, que sinala, entre os seus obxectivos, a aposta estratéxica polo fomento do uso do software libre e de fontes abertas na Administración. Así, dende o 2010 a Amtega ven desenvolvendo estratexias anuais de impulso ao uso do software libre nas empresas, na administración e entre a cidadanía, nas que colaboran os axentes galegos tanto en accións de fomento e difusión como de formación.
Entre outras actuacións, nos últimos anos comezou a implantarse o Plan de migración do posto de traballo a Software Libre, e continuouse coa formación en materia de software libre ao empregado público (EGAP) e coas as actividades de asesoramento e difusión sobre ferramentas libres aos diferentes departamentos da Xunta. Así mesmo, mantívose o impulso á liberación de proxectos da Xunta no Repositorio de Software Libre.
Pode consultarse o informe completo elaborado polo OSIMGA na sección de documentos de: http://www.osimga.org
