Mancomún

One Hundred Paper Cuts pretende mellorar a usabilidade de Ubuntu corrixindo pequenos problemas

Martes, 16 Xuño 2009

One Hundred Paper Cuts

Canonical acaba de lanzar un proxecto, One Hundred Paper Cuts, para mellorar a experiencia do usuario con Ubuntu, mediante a corrección dun cento de pequenos problemas de usabilidade. O proxecto estará liderado polo equipo de deseño e da experiencia do usuario e nel tratarase de identificar 100 pequenos problemas que teñan os usuarios, os denominados “paper cuts” e posteriormente, arranxalos.

Na web do proxecto fan unha serie de recomendacións á hora de notificar estas pequenas incidencias:

  • Tentar identificar problemas que atinxen ao sistema operativo en xeral (Nautilus, Gnome, etc…) e non a aplicativos específicao F-Spot, OpenOffice.org, Terminal, etc.)

  • Informar de erros que afectan ao fluxo de traballo (como a conexión á rede, copiado de ficheiros, navegación de cartafoles, etc..)

  • Que sexan erros sinxelos de arranxar, en lugar dos que requiran un grande esforzo de deseño e desenvolvemento.

  • Notificar de incidencias con características actuais, en lugar de pedir novas características.

David Siegel, o desenvolvedor do popular lanzador de aplicativos GNOME-Do, e recentemente incorporado ao equipo de deseño e mellora da experiencia de Canonical, comenta no seu blog o obxectivo deste proxecto:

"Se algún pequeno detalle de usabilidade che estivo molestando versión tras versión, agora tes a oportunidade de que reciba a atención que se merece e se podemos arranxar un cento destes pequenos erros, Ubuntu 9.10 será seguramente a máis usábel das versións de Ubuntu até o de agora”.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal