O pasado 7 e 8 de maio celebrouse o Desafío Abredatos 2011 en España, concurso para o desenvolvemento exprés, concretamente en 48 horas, de novos servizos tecnolóxicos de interese para a cidadanía baseados no uso de datos públicos.
Durante estas 48 horas, un grupo de desenvolvedores de Prodevelop desenvolveu onSTic, unha ferramenta SIX para Android, que permite a quen a instale no seu dispositivo móbil, acceder dunha maneira sinxela a servizos cartográficos e de localización a partir da información publicada polo Catastro entre outros.
O nome do aplicativo, onSTic, é a contracción de “on estic?” ou, o que é o mesmo “Onde estou?”, xa que esta é a principal funcionalidade do aplicativo, a posibilidade de pescudar en todo momento onde nos atopamos grazas aos mecanismos de localización dos teléfonos (GPS, Wi-Fi, cela…) e tomando como referencia a cartografía e os servizos dispoñibles en CartoCiudad.
onSTic é un aplicativo cliente do servizo Nomenclátor de CartoCiudad , de maneira que se poden realizar procuras de calquera rúa de España, e un cliente de cálculo de rutas a pé entre dous puntos a través do servizo de Xeoprocesamento de CartoCiudad. Toda a información pódese visualizar sobre as capas de ortofotos do PNOA e do rueiro de Cartociudad.
onSTic non é unha ferramenta illada, foi creada cun alto grao de continuidade xa queo equipo de desenvolvedores pretende portar dita funcionalidade a gvSIG Mini. onSTic foi liberado con licenza GPL2 e pode ser descargada de maneira gratuíta desde Android Market.
A gran vantaxe deste aplicativo respecto doutras alternativas como pode ser o uso de ferramentas de Google, son fundamentalmente dúas, unha que é un aplicativo libre e outra que fai uso de datos públicos de referencia e gran fiabilidade.
Proxecto CartoCiudad e estándares abertos
CartoCiudad é o resultado da integración e armonización de datos achegados por diferentes organismos públicos (principalmente Dirección General del Catastro, cuxos datos foron postos a libre disposición recentemente; Instituto Nacional de Estadística; Sociedad Estatal de Correos y Telégrafos e Instituto Geográfico Nacional) o que deu lugar a un sistema de información xeográfica de rede viaria continua, e información parcelaria, censal e postal, que abarca todo a xeografía española. Trátase dun ambicioso proxecto que ten por obxectivo consolidarse como cartografía de referencia no ámbito urbano. Dos servizos proporcionados por CartoCiudad onSTic fai uso do servizo Nomenclátor segundo o estándar aberto WMS, que permite facer buscas por municipio, provincia, comunidade autónoma, código postal, vial, … e o servizo de Xeoprocesamento segundo o estándar WPS, que permite facer cáculo de rutas e de áreas de influencia. Tanto WMS como WPS son estándares de publicación de información cartográfica en internet do OGC (Open Geoespatial Consortium).
Desafío Abredatos
O Desafío Abredatos 2011 , nace co obxectivo de “xerar debate en torno á necesidade de que os organismos públicos proporcionen os seus datos de forma accesible para permitir o seu uso e reutilización por parte da cidadanía”. O concurso propón a equipos de ata catro desenvolvedores que creen aplicativos orixinais “funcionando, que fagan uso de, cando menos, unha fonte de datos pública e sexan un servizo para a cidadanía”.
Neste ano desenvolvéronse ata 73 proxectos por parte dun total de 187 participantes aos que se lles esixía que o aplicativo fose gratuíto cando menos o primeiro ano que se publique cunha licenza libre. O listado de proxectos pode consultarse na web do concurso.
Opendata en Galicia
Recentemente algúns membros da comunidade galega de usuarios de software libre fixeron unha recompilación de ligazóns de datos públicos das administracións galegas e que recolleron no wiki de mancomún na páxina Catálogo OpenData nas administracións galegas
Fonte: Gaceta Tecnolóxica
