- Federico Mena, Jonathan Blandford e Dave Mason fixeron onte a intervención final da GUADEC 2012
- Ata o día 1 de agosto os máis de 300 desenvolvedores concentrados na GUADEC continuarán traballando polo futuro de GNOME en A Coruña en BoFs, Workshops e Hackfests
- Ademais a GUADEC-ES recolle a testemuña e durante hoxe e mañá continúa congregando á comunidade hispana de GNOME
Federico Mena, Jonathan Blandford e Dave Mason deron onte, 29 de xullo, a conferencia final da XIII edición da GUADEC 2012. Esta intervención, xunto coa tradicional foto de grupo, serviu de acto de peche da parte central da GUADEC 2012.
A intervención de Federico Mena, fundador do proxecto GNOME, Jonathan Blandford (RedHat) e Dave Mason (Mozilla) completou o interesante programa do evento no que tamén interviron outras persoas de relevancia internacional como Jacob Appelbaum, Adam Dingle and Jim Nelson (Yorba).
Ademais destas 4 intervencións principais, durante 4 intensos días, sucedéronse máis de 46 relatorios e sesións de presentacións lixeiras que serviron para achegar aos máis de 300 desenvolvedores e simpatizantes de GNOME asistentes multitude de temas sobre o pasado, presente e, sobre todo, o futuro dun dos escritorios máis populares de GNU/Linux: GNOME. Numerosas empresas amosaron á comunidade GNOME os principais avances en dispositivos móbiles, GPS, ebooks …
Mais a GUADEC 2012 non remata aquí. Durante 3 días máis, ata o 1 de agosto, celebraranse diversos BoFs, Workshops e Hackfests cuxo programa pode consultarse na sección correspondente do portal de GNOME.
Ademais os días 30 e 31 de xullo celébrase a GUADEC-ES, que é a versión hispana da " Conferencia Europea de Desenvolvedores e Usuarios de GNOME" (GUADEC) e que desta volta comparte espazo e datas para a celebración, e é organizada tamén polas asociacións GPUL e GNOME HISPANO. Pode consultarse o programa completo da GUADEC-ES.
A GUADEC 2012 está a ser organizada pola asociación galega GPUL e GNOME Hispano coa colaboración da asociación galega Ghandalf, e conta coa colaboración da Universidade da Coruña e da Xunta de Galicia, así como co patrocinio de empresas e entidades tecnolóxicas como Canonical, Collabora, Google, Igalia, Red Hat, Mozilla, Open Invention Network, Openshine and the Linux Foundation.
GNOME é o resultado da colaboración entre estas compañías e voluntarios de todo o mundo que centran os seus esforzos en crear software magnifico e fácil de empregar por calquera.
Recollendo as palabras de Adrián Lence, director da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, na súa intervención na inauguración da GUADEC, non podemos por mais que felicitar e agradecer á Comunidade GNOME o esforzo que vén realizando nos últimos 15 anos “para que a sociedade teña dispoñible un escritorio totalmente libre, amigable e sinxelo de empregar” que a Xunta está a empregar en dúas das iniciativas tecnolóxicas de maior calado como o Proxecto Abalar, que en setembro chegará a 44.000 alumnos e a Rede de Aulas para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), que conta con máis de 14.000 usuarios..
