Mancomún

Open Android Alliance e Replicant: Android 100% libre

Xoves, 1 Outubro 2009

Nos últimos tempos, Android foi noticia por ser un sistema operativo libre para móbiles baseado no núcleo Linux. No entanto, existen diversos grupos que consideran que, ao non seren libres todos os compoñentes instalados nos móbiles, non se pode considerar Android un sistema libre ao 100%. Algúns destes grupos están xa traballando en proxectos que intentan arranxar esa problemática. Entre os máis destacados podemos atopar os proxectos Replicant e Open Android Alliance

Replicant

O obxectivo do proxecto Replicant é sinxelo: pretenden crear un conxunto de software, ou varios conxuntos, que poidan executarse na serie de teléfonos móbiles HTC, compostos totalmente por software libre.

Na súa páxina wiki podemos ler:

Como moita xente sabe, o HTC Dream e dispositivos relacionados lanzáronse co sistema Android de Google. Este sistema está baseado no núcleo Linux, e un grupo de programas escritos por Google, chamado “Android”. Gran parte de Android está licenzado baixo os termos da licenza Apache 2.0. O núcleo Linux é na súa maioría software libre baixo a GPLv2. No entanto, hai numerosos compoñentes que son software privativo. O máis destacado é que case todos os compoñentes que xestionan o hardware directamente son software propietario.
Teñen dúas vías de traballo paralelas:

  • Facer unha distribución baseada en Android para o HTC Dream que sexa 100% libre
  • Facer dispoñíbel para o HTC Dream un sistema GNU/Linux similar ao que usa o FreeRunner de OpenMoko

O proxecto Replicant está a coordinar o seu traballo cos proxectos LibrePlanet Italia, un grupo de usuarios que ten Replicant entre os proxectos dos que se encarga, e coa Open Android Alliance.

Open Android Alliance

Os membros de Open Android Alliance pretenden substituír todos os aplicativos privativos e de código pechado que hai nunha instalación básica de Android por aplicativos de código aberto que poidan redistribuírse libremente.

Nas súas propias palabras: Non temos nada en contra dos aplicativos de código pechado existentes, mais cremos nas plataformas abertas, e queremos que os usuarios poidan modificar os seus sistemas como queiran.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal