Mancomún

OpenBlock S600, un servidor Linux na palma da man

Luns, 21 Decembro 2009

O OpenBlock S600 é un interesante dispositivo desenvolvido, fabricado e posto á venda pola empresa Plat’Home, líder xaponés en servidores Linux dende o ano 1993. O OpenBlock S600 é un servidor que cabe na palma da man.

A características técnicas deste miniservidor son as seguintes:

  • OpenBlockS600CPU AMCC PowerPC 405EX @ 600MHz
  • 1GB (DDR2 SDRAM)
  • Flash ROM (NOR) 128MB
  • Almacenamento: espazo interno para tarxetas Compact Flash, e 2 portos USB 2.0
  • Dúas interfaces de rede 1000Base-T (Gigabit)
  • Porto serie, para distintos periféricos
  • Tamaño: 81 x 133 x 31.8 mm (máis os pes de goma de 0.5 mm)
  • Peso: 240g.
  • Material da caixa:Aluminio

Este computador é o último modelo da serie OpenBlock, que apareceu en xuño do ano 2000 co modelo OpenBlockS, e da que xa se venderon máis de 50.000 unidades. No 2001 saíron ao mercado o OpenBlockSS e OpenBlockSR. Nestes últimos anos apareceron os modelos OpenBlockS266, OpenMicroServer, e o máis recente S600.
Este miniservidor ten un consumo en funcionamento de 8 W. Isto é aproximadamente o 10% do consumo de calquera servidor convencional, incluso daqueles que se dan en chamar “servidores verdes”.

No apartado do software incluído neste miniservidor, os fabricantes parecen seguir o lema do “máximo apoio ao desenvolvedor con especificacións abertas”. Seguindo o espírito do código aberto, toda a información necesaria sobre o dispositivo é pública: especificacións do hardware, información sobre periféricos, e o código fonte de todo o software preinstalado. Os fabricantes tamén ofrecen titoriais sobre como montar diferentes tipos de servidor, e ofrecen tamén apoio a desenvolvedores que queiran construír servizos baseados no S600 con software propio.

O sistema operativo incluído no OpenBlockS é unha distribución de Linux personalizada, desenvolvida polo fabricante. Está optimizada para incluír un completo conxunto de ordes dentro dos límites dun contorno embebido, e está pensado para ser aberto e altamente flexíbel, e permitir aos desenvolvedores retocar todos os aspectos do sistema, dende cambiar o xestor de arranque ata calquera cousa que se nos poida ocorrer.

Ademais, o OpenBlockS tamén é oficialmente compatíbel coas distribucións Debian e Fedora Linux, e con NetBSD.

Dende logo, non estamos ante un potentísimo servidor capaz de servir unha páxina visitada milleiros de veces por segundo, pero ese non é o obxectivo deste dispositivo. O OpenBlocks S600 é perfecto para funcionar como "dispositivo ponte", funcionando como filtro de seguridade e firewall dunha rede, ou como un encamiñador simple mais potente, unha solución para VoIP… as posibilidades son virtualmente infinitas, e só dependerán da software que queiramos instalar no dispositivo.

Fonte: akihabaranews.com

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal