O día un do presente mes, OpenBravo presentou a súa versión 2.50 do seu ERP, e tan só uns días despois anuncia que esta versión pasará a formar parte do repositorio de parceiros de Ubuntu, de maneira que os usuarios dos sistemas operativos baseados en Ubuntu poderán incorporar o aplicativo aos seus computadores dunha maneira moi sinxela e rápida. Ademais, se xorde calquera problema, hai unha opción dunha subscrición profesional a un servizo de asistencia técnica para o aplicativo.
A nova versión 2.50 de OpenBravo ERP incorpora o concepto de modularidade para poder dispoñer de novas funcionalidades e características dunha forma moito máis rápida e que poidan ser desenvolvidas tanto pola comunidade/ecosistema de Openbravo como por terceiras persoas.
A instalación, grazas á inclusión dentro do repositorio de parceiros de Ubuntu, é moito máis sinxela ca nunca. Basta con engadir os seguintes repositorios
deb http://archive.canonical.com/ubuntu jaunty partner
deb-src http://archive.canonical.com/ubuntu jaunty partner
ás fontes de software, e despois de actualizar a lista de paquetes, instalar o aplicativo “openbravo-erp”. Despois deste paso comezará o proceso de compilación e configuración do aplicativo, no cal instalará os cartafoles de ficheiros, a base de datos e todo o necesario para o seu uso.
Unha vez finalizada a instalación, bastará con que accedamos co noso navegador web ao seguinte enderezo http://localhost:8080/openbravo e xa poderemos comezar a usalo.
Desde Mancomún levamos a cabo no seu día a tradución deste completo ERP. A tradución ao galego da versión 2.34 pódese atopar na páxina do DVD de ferramentas informáticas para a PEME en:
http://peme.mancomun.org/navegacion/openbravo.htm
OpenBravo tamén leva a cabo o desenvolvemento dun software de punto de venda (POS) chamado Openbravo POS que tamén se pode atopar en galego na súa versión 2.00 no DVD da PEME.
Máis información sobre o DVD da PEME na seguinte ligazón:
http://www.mancomun.org/descargarprogramas/detalledeproduto/nova/dvd-peme/
Visto en:
http://www.cenatic.net/
