Se a semana pasada falabamos de ownCloud, un software para montar o noso clon de Dropbox, hoxe tócalle a quenda a unha distribución Linux para montar un sistema de almacenamento en rede ou NAS – network attached storage – polas súas siglas en inglés: OpenMediaVault .
Trátase dunha distribución Linux baseada en Debian pensada para instalar facilmente nun ordenador un sistema de almacenamento en rede con servizos como ssh, sftp, smb/cifs, rsync e moitos outros. Ademais grazas ao seu deseño completamente modular pódese mellorar a través de complementos ou plugins. OpenMediaVault está dispoñible integramente en galego, sendo un dos pouco máis de 15 idiomas aos que está traducido, grazas ao traballo de Miguel Bouzada, membro do proxecto Trasno.
OpenMediaVault é simple e doado de empregar e permite que calquera poida instalar e administrar un dispositivo NAS sen necesidade de ser un experto. Está deseñado para ser empregado tanto en pequenas e medianas empresas como en entorno doméstico, aínda que non está limitado a estes escenarios.
Os requisitos hardware para instalar este sistema son mínimos: 1GByte de RAM e 2 GByte de espazo en disco para a instalación do sistema, ademais de por suposto os discos duros que se queiran empregar para dar o servizo de almacenamento en rede.
Entre as súas funcionalidades destacan o seu sistema de administración web moi intuitivo, a actualización a través da paquetería Debian, a capacidade de Wake on Lan, diversas funcionalidades de monitorización ou a capacidade de engadir servizos adicionais a través de complementos como : LVM, LDAP, cliente Bittorrent, antivirus …
Dispón de documentación actualizada en formato wiki sobre a instalación e administración e a pesar de ser un proxecto relativamente recente, está a ter gran acollida entre o público. Así, é posible atopar numerosas entradas e titoriais sobre como instalar e configurar OpenMediaVault, e mesmo sobre como instalar sobre OpenMediaVault o software Owncloud.
Pódense descargar imaxes ISO para a instalación, o acceder aos paquetes debian ou descargar o código fonte dende o SCM do proxecto en sourceforge.
