Mancomún

OpenPandora: Deseñando e creando unha videoconsola portátil de código aberto

Martes, 24 Novembro 2009

A Pandora é unha mistura entre un PC e unha consola de xogos. É rápida abondo como para emular moitos outros sistemas, executar un escritorio completo, acceder a Internet con Firefox e mesmo xogar a xogos como o Quake3.

No entanto, é máis pequena ca un netbook. Só é un pouco máis grande ca unha DS de Nintendo. Leva unha impresionante pantalla LCD cunha resolución de 800×480, e ten unha duración de batería de máis de 10 horas.

Pero o máis interesante é probabelmente que a Pandora non é un deseño dunha grande empresa. A Pandora deseñouse segundo as peticións e suxestións de centos de persoas nos foros da gp32x (outra videoconsola portátil). Tras varios meses, esas suxestións afináronse para lograr o que vemos hoxe en día, un dispositivo de man controlado completamente por software de código aberto.

A Pandora executa un sistema operativo de código aberto: basicamente, leva instalado Ångström-Linux con algúns cambios específicos para a Pandora. Todo o código está dispoñíbel en git.openpandora.org para a descarga.

Este prometedor dispositivo conta coas seguintes características técnicas:

  • Procesador Texas Instruments OMAP3530 a 600MHz
  • 256MB DDR-333 SDRAM
  • 512MB nunha memoria NAND FLASH
  • Unidade de proceso de audio e vídeo IVA2+ coa tecnoloxía TI’s DaVinci™ (430MHz C64x DSP)
  • Núcleo de microprocesador ARM Cortex-A8 superescalar
  • Hardware 3D PowerVR SGX530 (oficialmente a 110MHz), compatíbel con OpenGL ES 2.0
  • Wifi 802.11b/g integrada (cunha saída de ata 18dBm)
  • Bluetooth 2.0 + EDR (3Mbps) integrado (Clase 2, + 4dBm)
  • LCD LTPS cunha resolución 800×480
  • Controladores analóxicos
  • Dobre slot para tarxetas SDHC (ata 64GB de almacenamento, actualmente)
  • Saída de auriculares de ata 150mW por canal
  • Saída á TV (“composite” e S-Video)
  • Micrófono interno e capacidade para conectar un externo
  • Teclado QWERTY de 43 botóns e teclado numérico
  • Porto USB 2.0(1.5/12/480Mbps) con capacidade para cargar o dispositivo
  • Porto USB 2.0 HOST (480Mbps)
  • Funciona co sistema operativo Linux (2.6.x)
  • Dimensións: 140×83.4×27.5mm
  • Peso: 335g (cunha batería de 4000mAh)

Polo momento resulta complicado facerse cun destes aparatos. Como é un proxecto iniciado por un grupo reducido de persoas (e “realmente” aínda non saíu ao público), non se pode comprar en tendas en liña. Tan pronto como se acabe a primeira remesa, aceptaranse pedidos nas páxinas www.gbax.com , shop.gp2x.de ou www.gp2xtr.com. No entanto, aínda quedan unhas poucas Pandoras libres, da primeira remesa (que será de unicamente 4000 unidades), e pódense encargar contactando coa xente do proxecto vía correo electrónico.

Ademais, deberá pagarse por adiantado, pois os cartos que paguemos polo dispositivo empregaranse efectivamente para a construción do trebello.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal