Mancomún

OpenStreetMap cumpre 10 anos

Martes, 12 Agosto 2014

O pasado día 9 de agosto, o proxecto OpenStreetMap ven de cumprir o seu décimo aniversario.

Esta iniciativa, descrita por moitos como "a wikipedia dos mapas", comezou a súa andaina no ano 2004 da man de Steve Coast, coa idea de crear unha cartografía mundial totalmente libre e accesible para todo o mundo. Xerada de xeito voluntario polos máis de 1.700.000 usuarios rexistrados, a día de hoxe cóntase cunha base de datos de máis de 200 gigabytes de información que se distribúe libremente baixo unha licenza libre, Open Database License (ODbL).
Nestes dez anos de vida o proxecto non parou de medrar, converténdose hoxe en día nunha alternativa perfectamente válida ante os grandes servizos de cartografía privativa. Empresas como Nestoria ou Foursquare por poñer dous exemplos e servizos como Flickr ou Evernote migraron moitos dos seus servizos e están a empregar OpenStreetMap como cartografía de base.

Outro ámbito no que destaca o emprego de OpenStreetMap como solución de cartografía é o da xestión de emerxencias e axuda humanitaria. Famosos foron os casos de Haití e máis recentemente o tifón Yolanda en Filipinas, onde grazas ao traballo de miles de voluntarios, conseguiuse crear cartografía das zonas da catástrofe en tempo récord. Todas estas iniciativas son coordinadas dende hai uns anos polo Humanitarian OpenStreetMap Team (HOT).

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal