Mancomún

Oportunidades de negocio baseadas en software libre e ecosistemas open

Mércores, 9 Maio 2012

Cartel do Obradoiro de oportunidades de negocio en software libre

Dentro do programa TICemprende, BIC GALICIA pon en marcha unha serie de obradoiros prácticos nos que se presentan ás empresas TIC da nosa comunidade novas tendencias e oportunidades de negocio que contribúan a orientar os seus procesos de innovación e a afianzar o seu posicionamento no mercado así como un incremento significativo da súa competitividade, a través do emprego de novas técnicas e ferramentas de xestión empresarial.

O 28 de maio de 09:30 a 14:30 e de 16:00 a19:00 horas celebrarase na sede do FEUGA en Santiago de Compostela, o obradoiro Oportunidades de negocio baseadas en software libre e ecosistemas open.

O obradoiro impartirase cunha metodoloxía eminentemente práctica que busca a aplicabilidade do aprendido no posto de traballo e na posta en marcha de accións de mellora nas empresas participantes, cos seguintes obxectivos:

  • Dotar aos asistentes na visión estratéxica necesaria para aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece o software libre.
  • Analizar modelos de negocio baseados en software libre.
  • Achegar os coñecementos legais imprescindibles para poder deseñar e aproveitar oportunidades baseadas en software libre.

O programa do obradoiro é o seguinte:

  • Como facer negocio asociándose a provedores?: Programas de Parcería con grandes provedores internacionais de solucións: Red Hat, MySQL, Canonical, Alfresco, Drupal, Liferay, SUSE, Sugar CRM, Open Bravo
    • Como realizar negocio cos Parceiros: vantaxes e inconvenientes para las pemes
  • Modelos de negocio baseados en Software Libre.
    • Que oportunidades ten a miña empresa vendendo servizos asociados ao Software libre?
    • Casos de éxito nacionais e internacionais
  • Como xestionar o teu ecosistema de parceiros sobre as túas propias solucións Software Libre
    • Como licenciar?
    • Que servizos proporcionar?
    • Que fontes de ingresos asociadas po pode haber?
  • Licenzas de Software Libre. Compatibilidade de licenzas. Utilidade práctica segundo o teu negocio
    • Marco legal para licenzas libres
    • As 4 liberdades
    • Conceptos clave: Obra derivada, atribución de autoría, uso, redistribución…
    • Licenzas copyleft vs licenzas permisivas
  • Xestión de dereitos dixitais (DRM)
    • Análise da lexislación global (OMPI) que impide a autodefensa
    • Tivoización
  • Patentes de software y software libre
  • Software Libre desde a administración pública: Oportunidades de negocio baseadas na liberación de datos por parte da Administración Pública e as empresas

O obradoiro correrá a cargo dos poñentes

  • Alberto Abella García, socio en Rooter e director de Operacións. É enxeñeiro superior de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid. MBA, máster en Dirección de Calidade Total e Quality Auditor (European Organization for Quality). Exerceu como consultor en TI e Calidade en Telefónica Móbiles, OSI Telefónica e na Asociación Española para a Calidade. Posteriormente pasa a ser xerente de Software Libre, Testing e Application Management ata o ano 2005. Foi membro do grupo de expertos sobre innovación en software na OCDE. No período 2002-2006 publica o I, II e III libro branco do software libre en España. Dentro da súa carreira profesional exerceu así mesmo como director de alianzas e canle para Novell e director de desenvolvemento corporativo de CENATIC. Foi e é profesor en diferentes universidades españolas como a Carlos III. É poñente habitual en eventos do sector de contidos, software libre e estratexias Open.

  • Franz Ruz Céspedes, socio de Rooter. Máster en Propiedade Intelectual pola Universidade Carlos III, licenciado en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid e en Historia da Arte pola Universidade Católica de Chile. realizou unha estancia dun curso académico na Universidade de Iowa, Estados Unidos. Traballou como consultor en dereitos dixitais para o Grupo PRISA, consultor en propiedade intelectual para o Grupo Editorial Santillana e como investigador no Instituto de Dereito de Autor. Antes da súa incorporación a Rooter, exerceu en despacho propio especializado en IP, Tecnoloxía e Entretemento, baixo a marca RUZ LEGAL. Profesor de posgrao en programas da Universidade Autónoma de Madrid, ICADE, Carlos III, EOI, Centro Universitario Villanueva, Universidade de Bos Aires e Pontificia Universidade Católica de Chile. Participa habitualmente como poñente en foros e seminarios, e publicou artigos en distintos medios e publicacións especializadas.

O obradoiro é totalmente gratuíto e só é preciso inscribirse mediante o formulario que se pode atopar e ticemprende – bicgalicia. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro día 21 de maio. As prazas son limitadas.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal