As catro entidades territoriais e o Consello Galego de Colexios de Economistas terán os seus sistemas de xestión integrados mediante unha nova ferramenta web baseada en software libre. A iniciativa contou co financiamento da Consellaría de Innovación e Industria.
Durante o acto de presentación, o presidente do Consello, Roberto Pereira, salientou a importancia “deste salto cara ao equilibrio”, para que todas as persoas colexiadas “estean en contacto mediante unha ferramenta común”. O subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, Rafael Juanatey, salientou a “crecente presenza do galego” nas TIC e lembrou que a consellaría achegou o 80% do financiamento do servizo.
Engadiu que é un proxecto “de interese no desenvolvemento de Galiza e unha aplicación informática ao servizo de todos os colexiados, aberta á sociedade” e que se enmarca no PEGSI. A plataforma foi deseñada por Imaxín Software, co obxectivo de adaptala a usuarios con discapacidades e de ofrecer un sistema unificado para as cinco entidades. Dispón, ademais, dunha parte pública e unha área privada.
Un dos deseñadores do proxecto, Diego Vázquez, explicou que os membros da web poderán “crear perfís personais”, e dispoñer de servizos como “xestión administrativa, información variada ou busca de emprego, ademais do estado das contas e outros datos de interese”. Deste xeito, a páxina “vai no camiño das redes sociais pero adaptada ao contexto dos colexios”.
