Este mércores 4 de abril no viveiro de empresas Accede Papagaio, a Asociación Universitaria Grupo de de Programadores e Usuarios de Linux, coñecida como GPUL, continúa a serie de conferencias, talleres e charlas “GPUL Labs“, que xa anunciamos previamente e na que teñen lugar eventos diversos ao longo do ano arredor de tecnoloxías libres onde se dan cita, estudantes, profesores, profesionais do sector e afeccionados ás novas tecnoloxías para difundir proxectos e solucións de software, hardware e coñecemento libre.
Esta semana o evento correrá a cargo de Arturo Silvelo, desenvolvedor full stack, quen fará unha introdución ao framework Nest. A sesión terá un carácter práctico e explicaranos como desenvolver aplicacións eficientes e escalables en Node.js empregando o framework Nest e para completar a explicación as asistentes implementarán unha API e uns tests para practicar os coñecementos adquiridos. Recomendase aos asistentes levar portátil con Node.js LTS e MongoDB 3.4 instalado. Podes anotarte e ver máis detalles sobre o evento na páxina do meetup.
Dende GPUL, lembran que aínda teñen oco para relatores e relatoras que queiran participar dunha forma máis activa dos GPUL Labs e impartir unha conferencia, un obradoiro, unha charla ou similares.
Se es unha empresa pode interesarche participar no programa de patrocinadores desta edición dos GPUL Labs.
