Mancomún

Os GPUL Labs continúan con unha sesión sobre os modelos de negocio con software libre

Luns, 23 Abril 2018

Este mércores 25 de abril na Facultade de Informática da Coruña, a Asociación Universitaria Grupo de de Programadores e Usuarios de Linux, coñecida como GPUL, continúa a serie de conferencias, talleres e charlas “GPUL Labs“, que xa anunciamos previamente e na que teñen lugar eventos diversos ao longo do ano arredor de tecnoloxías libres onde se dan cita, estudantes, profesores, profesionais do sector e afeccionados ás novas tecnoloxías para difundir proxectos e solucións de software, hardware e coñecemento libre.

A sesión desta semana, titulada “Modelos de negocio con software libre“, corre a cargo de Jacobo Aragunde desenvolvedor na consultora de software libre galega Igalia, nela explicaranos diferentes modelos de negocio e como se poden aplicar ao software libre, contaranos algúns exemplos de empresas e comunidades exitosas mostrándonos así como os modelos “tradicionais” se poden adaptar ao Software Libre con éxito.

Dende GPUL, lembran que aínda teñen oco para relatores e relatoras que queiran participar dunha forma máis activa dos GPUL Labs e impartir unha conferencia, un obradoiro, unha charla ou similares.
Se es unha empresa pode interesarche participar no programa de patrocinadores desta edición dos GPUL Labs.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal