Mancomún

Os ministros europeos recomendan os estándares abertos para a e-administración

Xoves, 26 Novembro 2009

Os ministros europeos responsables da política de administración electrónica da Unión Europea din que debería promoverse o uso dos estándares abertos e do software de fontes abertas en proxectos de administración electrónica, segundo se recolle na declaración ministerial sobre e-administración feita o pasado 18 de novembro na cidade sueca de Malmö.

Na súa declaración, os ministros recomendan empregar estándares abertos como medida para establecer regras de xogo en igualdade de condicións nos procesos de contratación por concorrencia competitiva co fin de garantir a mellor relación calidade-prezo. Ademais recollen as súas intencións respecto dos estándares abertos "asegurarémonos de que os estándares abertos se promoven nos nosos marcos nacionais de interoperabilidade co fin de reducir as barreiras ao mercado."
No que se refire ao uso do software libre, as declaracións realizadas non son tan categóricas. Así, nunha conferencia de prensa sobre a declaración, celebrada o 19 de novembro, Siim Kallas, vicepresidente da Comisión Europea, expresou a súa preocupación polo uso de software de fontes abertas nos seguintes termos: "temos un intenso debate na Comisión. Por suposto que estamos moi a favor da libre competencia, especialmente neste ámbito das tecnoloxías da información. Pero ao mesmo tempo, hai unha cuestión de garantías de continuidade do negocio. Todas estes aspectos deben ser abordados correctamente".

Os grupos europeos de promoción do software de fontes abertas reclaman maior liderado.

Nunha declaración publicada esta semana, o Open Forum Europe (Grupo europeo de promoción do software de fontes) acolle con satisfacción a Declaración de Malmö “polo seu apoio implícito de apertura” mais considera que os estados membros da UE e a Comisión perderon a oportunidade de ir máis alá nas súas declaracións. En primeiro lugar, cren que debería esixirse que “a Comisión Europea demostre un maior liderado no establecemento de estratexias definitivas para os marcos de interoperabilidade" e que "estes marcos non se basean unicamente en estratexias claras, senón nunha sólida aplicación. As prácticas de contratación pública deben prestar máis atención aos estándares. Para citar á Comisaria Kroes, ‘temos que predicar co exemplo’."

Fonte: OSOR

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal