A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) convoca unha nova edición dos seus premios, que xa van pola súa VII edición. Estes premios recoñecen o labor de profesionais e empresas galegas que traballan con tesón, calidade e con alto nivel competitivo no desenvolvemento do sector TIC e da Sociedade da Información en Galicia.
Con esta iniciativa EGANET quere promocionar e servir de plataforma de lanzamento para os proxectos realizados de xeito íntegro por empresas galegas dando a coñecer a tódolos sectores da sociedade galega os resultado do traballo das empresas galegas no ámbito das TIC.
O prazo de presentación das candidaturas está xa aberto ata o vindeiro día 10 de decembro.
Poderán presentar a súa candidatura empresas, profesionais, asociacións, organización empresariais, ONGs, entes públicos e calquera outro organismo con sede social en Galicia, sempre e cando realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións. De non ter razón social en Galicia, os/as candidatos/as poderán participar se teñen relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galegas.
Oito categorías, catro Premios Globais e o Premio Especial Eganet
O sector das TIC é un sector en constante evolución e os Premios Eganet adecúan edición tras edición as súas categorías para que recollan a actualidade máis punteira. Nesta edición a gran novidade é a creación dos Premios Globais.
Dende EGANET queren facer un recoñecemento especial e transversal en forma de Premios Globais que recoñecerán, de entre todos os proxectos presentados, aqueles proxectos que fagan a mellor aposta polo software libre a innovación a mobilidade e a accesibilidade. O código aberto, a capacidade innovadora, a adecuación dos proxectos aos distintos soportes móbiles e o acceso universal ás novas tecnoloxías serán méritos que se recoñecerán de maneira transversal, independentemente da categoría á que se presente cada proxecto. A estas categorías globais non se presentan candidaturas.
A estes 4 premios engádenselle o Premio Especial Eganet, que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que desde a última edición dos galardóns máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribuíse a promocionar as novas tecnoloxías en Galicia. Para esta modalidade tampouco se recibirán candidaturas e será a Asociación a que elixa directamente o premiado ou premiada.
Finalmente, as oito categorías de premios para as que se reciben candidaturas son as seguintes:
- Premio E-Emprendedores
- Premio Software, Multimedia ou Web
- Premio Inclusión Dixital
- Premio Mellor Ambiente Laboral
- Premio Publicidade e Marketing Online
- Premio E-Comerce
- Premio Administración Electrónica
- Premio Educación Dixital
Para coñecer o detalle para a presentación de candidaturas cómpre obter máis información no sitio web www.premioseganet.com.
Os Premios Eganet teñen o respaldo das seis edicións anteriores, ás que se presentaron 600 empresas con máis de 800 proxectos. Trátanse, polo tanto, duns galardóns consolidados e recoñecidos polo conxunto do sector TIC galego.
Gala de premios
O recoñecemento e a promoción dos finalistas de cada categoría farase no transcurso da Gala dos Premios que se celebrará o próximo 22 de decembro e na que se coñecerán tamén os gañadores de cada un dos premios.
Sen dúbida é unha boa oportunidade para visualizar e achegar as TIC a todos os sectores produtivos galegos e á cidadanía en xeral.
Estes premios conta co cofinanciamento do Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
