Mancomún

Os principais fabricantes de software tipo “office” comprométense co formato estándar OpenDocument

Luns, 19 Abril 2010
  • Clausurouse en Granada o ODF Plugfest, o principal evento mundial enfocado en avanzar na interoperabilidade documental informática.
  • No evento déronse cita as máis importantes empresas desenvolvedoras de software do mundo xunto a entidades públicas e gobernos europeos.
  • Así, a empresa Microsoft prometeu que implementará a nova versión 1.2 de ODF en no máis de 9 meses, tras ser aprobada esta no ISO.

Logo de ODF O pasado venres concluíu na cidade de Granada o ODF Plugfest, o principal evento mundial dedicado a lograr a interoperabilidade informática de aplicativos tipo “office” mediante o estándar aberto OpenDocument Format (ODF). Neste encontro tecnolóxico, importantes responsables en materia de interoperabilidade dos gobernos de España, Holanda e Bélxica, debateron cos principais fabricantes de software do mundo sobre como mellorar o intercambio de documentos electrónicos. Así, estiveron representados neste evento, tiveron a súa representación OpenOffice, Microsoft Office, IBM Symphony, KOffice, Oracle StarOffice e Aspose, entre outros.
O Esquema Nacional de Interoperabilidade español é a tendencia a seguir.

A xuízo dos máis 30 expertos mundiais presentes no evento, o tema estrela foi o Esquema Nacional de Interoperabilidade do Goberno de España, un Real Decreto aprobado a principios de ano, co obxectivo de crear as condicións necesarias para garantir o adecuado nivel de interoperabilidade técnica, semántica e organizativa de sistemas e aplicativos empregados polas Administracións, que permita o exercicio de dereitos e o cumprimento de deberes da cidadanía a través do acceso electrónico aos servizos públicos.

Miguel Ángel Amutio Gómez, Xefe de Planificación e Explotación do Ministerio da Presidencia español, foi o encargado de presentalo, e concluíu que "o dereito da cidadanía a interactuar de forma electrónica coas administracións implica ao mesmo tempo o dereito de elixir os aplicativos e sistemas a empregar para elo, sendo necesario tomar medidas para evitar a discriminación”.

Os principais fabricantes mostran o seu compromiso co formato OpenDocument.

Durante as reunións de traballo, os principais fabricantes de software expresaron importantes compromisos e avances na implementación do formato OpenDocument, o que supón un importante avance na separación necesaria entre o formato e o aplicativo concreto de que se trata. Así, a empresa Microsoft prometeu que implementará a nova versión 1.2 de ODF en no máis de 9 meses, tras ser aprobada esta en ISO.

Tamén despertaron interese outras iniciativas, como a xestión de contidos semánticos por parte do proxecto KOffice, e a presentación do Visor de ODF para teléfonos da plataforma Android de Google, que está financiando CENATIC.

En breve estarán dispoñibles na web oficial deste evento todos os contidos, gravacións e materiais técnicos xerados.

O ODF Plugfest de Granada terá a súa continuación dentro de 6 meses en Bruxelas, que será a sede da cuarta edición do evento.

Fonte: CENATIC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal