Mancomún

Os principais produtos de Mozilla están 100% en galego

Xoves, 11 Novembro 2010

A comunidade de tradución de Mozilla ao galego está a desenvolver un espectacular traballo mantendo ao 100% a tradución ao galego dos principais aplicativos como Firefox, Thunderbird ou Fennec. Este inxente traballo está a ser coordinado por Enrique Estévez, alias Keko.

Dende que asumiu a coordinación do equipo de tradución ao galego de Mozilla, en abril de 2010, os resultados non se fixeron agardar. Tras recibir por parte do anterior coordinador toda a información precisa para exercer a súa labor, púxose inmediatamente mans á obra asumindo tamén a maior parte do traballo de tradución a través da ferramenta de tradución en liña fornecida por Mozilla: Narro, que amosa as seguintes estatísticas:

Estado das tradución en Narro
O traballo non só consistiu en traducir as novas cadeas, senón tamén nunha completa revisión e homoxeneización do traducido ata entón así como a aplicación dos acordos terminolóxicos que vai acadando a Comunidade de localización ao galego, agrupada principalmente no proxecto Trasno, ao que pertencen tamén os coordinadores da tradución ao galego de proxectos como GNOME, KDE OpenOffice.org, Ubuntu, … A este respecto salientar que recentemente celebraron unha xuntanza de traballo, Trasnada’10 na que se reuniron os principais tradutores de software libre ao galego para darlle pulo aos distintos proxectos de localización que xestionan, mellorar a súa coordinación así como tomar decisións para o futuro.

Mais todo este traballo non está a verse reflectido na dispoñibilidade dos distintos produtos Mozilla en galego como sería desexable.

Firefox 3.6 en galegoThunderbird 3.1 en galego (beta language)

Polo momento só están dispoñibles para a súa descarga en galego o Firefox e o Thunderbird, sendo este último distribuído como linguaxe Beta.

O motivo disto é que Keko, como coordinador, non dispón aínda dos permisos necesarios para actualizar directamente os repositorios dos produtos Mozilla coas súas traducións polo que depende de que outros membros da comunidade Mozilla poidan, a petición súa, facer ese último e necesario traballo por el.

Non hai dúbida que nunha comunidade gobernada polos principios da meritocracia como Mozilla, non pode pasar desapercibido o gran traballo que se está a facer dende a comunidade galega de Mozilla e en consecuencia confíen definitivamente no seu coordinador quen xa ten gañado o seu recoñecemento público na comunidade galega, e lle outorguen en breve os permisos que lle faltan para que poidamos dispoñer dos produtos Mozilla en galego.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal