Mancomún

Os resultados do “Hackatiño de Datos Abertos” organizado por GPUL achega 4 proxectos para mellorar a mobilidade na Coruña

Luns, 23 Outubro 2017

O pasado sábado día 7 tivo lugar no Centro Ágora, na Coruña, a segunda edición do Hackatiño de Datos Abertos, actividade que organiza a asociación GPUL e que este ano estaba orientada a mellorar a mobilidade na cidade da Coruña, creando proxectos a partir dos conxuntos de datos abertos dispoñibles.

A dinámica deste tipo de eventos consiste en comezar por expoñer varias ideas ou propostas de proxectos que se poderían realizar, partindo do conxunto de datos abertos identificados, posteriormente a xente se organiza en grupos segundo os seus intereses e se traballa para tentar desenvolver os diferentes proxectos e presentar os resultados acadados ao fin da xornada.

Os resultados do evento deixan catro aplicacións ou proxectos, entre os que se atopan unha aplicación móbil para mellorar a mobilidade na cidade que permite aos usuarios coñecer as paradas de bicicletas e autobús máis preto da súa localización; un proxecto web para reportar problemas ou avarías relacionadas co uso das bicicletas do servizo público de aluguer; un proxecto para analizar como inflúe a climatoloxía no uso da bicicleta como medio de transporte na cidade; e un proxecto de visualización con mapas sobre o uso do servizo de Bicicoruña.

O evento contou tamén coa presencia de dúas persoas expertas no mundo dos datos abertos e a súa explotación, como son David Cabo da Fundación Civio e Cesar García de OpenShine, que estiveron axudando e aconsellando aos diferentes equipos.

O código fonte dos diferentes proxectos que se arrancaron está dispoñible como software libre para que calquera persoa interesada en continuar colaborando con estes proxectos o poida facer.

Fonte da nova.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal