De acordo cun recente estudo da empresa Juniper, enfocado nos móbiles con sistema operativo libre; os Android da OHA, os móbiles compatíbeis coas especificacións da LiMo Foundation, as versións libres de Symbian en Nokia -aínda por chegar ao mercado- e outros, os móbiles con este tipo de SO poderían crecer desde os 106 millóns actuais ata os 223 millóns no 2014.
Este estudo non recolle a recente aparición da plataforma WebOS que virá nos novos teléfonos intelixentes (smartphone) Palm Pre, xa que está por ver se o sistema operativo será completamente libre ou só terá partes libres. O que si será seguro é que incluirá unha API libre para o desenvolvemento de aplicativos de terceiras partes.
Para facer esta estimación, calcularon que na actualidade o 60% destes teléfonos intelixentes usan un sistema operativo libre. Inclúen nesta porcentaxe os teléfonos con Symbian aínda que a día de hoxe, Symbian non é completamente libre. Isto implica que a estimación inicial pode non ser de todo correcta, polo que haberá que esperar a ver como vai evolucionando esta tendencia.
Máis información sobre o estudo na fonte orixinal da nova:
http://www.linuxfordevices.com
