Mancomún

Os traballadores autónomos móstranse satisfeitos co uso do Software Libre

Venres, 13 Maio 2011

Por terceiro ano consecutivo Fundetec presenta o seu informe “O autónomo e a Sociedade da Información 2010” sobre o uso das TIC por parte do colectivo autónomo, coa colaboración da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) e a Federación Nacional de Traballadores Autónomos (ATA), e co patrocinio do Ministerio de Traballo e Inmigración, que foi presentado onte en Madrid.

O informe está baseado en preto de 3.500 enquisas realizadas a autónomos de toda España, distribuídos por comunidades autónomas e de nove sectores de actividade (automoción, comercio, construción, transporte, industria, actividades financeiras, científicas, hostalería, etc.).

Durante a presentación do informe, a vicepresidenta de ATA, Elena Melgar, destacou que "nun momento como o actual, cunha constante perda de actividade económica, o fomento das TIC, como ferramenta para a mellora da competitividade do colectivo autónomo, faise indispensable. Para elo cómpre impulsar medidas de axuda á adquisición de ferramentas tecnolóxicas, que fagan que o nosos tecido empresarial se achegue aos niveis europeos".

Por primeira vez, o informa presta atención ao software libre e de fontes abertas e a conclusión máis relevantes é o alto grao de satisfacción dos usuarios de software libre. O informe revela que algo máis de un de cada catro autónomos (28%) que teñen equipamento informático emprega solucións de fontes abertas, principalmente de comunicación (78%), de ofimática (67%) e empresariais (55%). Ademais teñen un alto grao de satisfacción, xa que o 26% están moi satisfeitos e o 69% satisfeitos co seu uso, sendo meramente testimonial a porcentaxe dos que se amosan pouco satisfeitos e non rexistrándose ningún caso de insatisfacción.
Isto pode deberse aos baixo índices de informatización do que parte o colectivo autónomo que se enfronta ao uso de software libre como unha ferramenta que lle vai permitir mellorar na súa xestión sen necesidade de enfrontarse ao reto do cambio de tecnoloxía un dos maiores atrancos no cambio ao software libre.

O pasado mes de Marzo celebrouse en Zaragoza o I Congreso Nacional de Software Libre e Traballo Autónomo por iniciativa da UPTA España e UPTA Aragón en colaboración con CENATIC para promover a adopción de software libre no colectivo de traballo autónomo, con ponencias como Aplicacións sectoriais de software libre para pemes e autónomos, Políticas públicas de apoio á implantación de software libre, Utilización de las TIC por los autónomos. Uso del software libre. Estadísticas, ou 10 razóns para que os autónomos usen software libre, entre outros.

Recollemos o decálogo elaborado por CENATIC coas 10 principais razóns para que os autónomos empreguen Software Libre, entre as que destacan, non só o aforro económico en materia de licenzas e a súa renovación, senón tamén o feito de seren tecnoloxías máis accesibles, de maior calidade conservando a súa independencia tecnolóxica. E a súa adquisición é tan sinxela como descargalas de forma completamente legal desde Internet

  1. Permite aforrar na adquisición, mantemento e renovación de tecnoloxías.
  2. Os aplicativos libres teñen maior calidade e son máis completas.
  3. Garanten a seguridade.
  4. O uso de Software Libre favorece a independencia tecnolóxica del autónomo.
  5. O Software Libre é unha tecnoloxía de fácil acceso e adáptase mellor á realidade do autónomo.
  6. O Software Libre é unha tecnoloxía 100 por 100 legal.
  7. As tecnoloxías libres teñen un servizo de asistencia técnica máis accesible a través de empresas locais.
  8. Fomenta a creación dun modelo produtivo máis colaborativo.
  9. Seguir a tendencia dos clientes no uso de Software Libre.
  10. Os aplicativos en Software Libre son máis fáciles de aprender
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal