A Oficina de Software Libre da USC comeza mañá, 1 de abril, un periplo polas facultades da universidade compostelá cos Puntos de Información en Facultades (PIFs), unha idea proposta pola Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña e adoptada pola OSL da USC e coa que percorrerán, durante o que queda de cuadrimestre, os centros do Campus Norte e Sur da Universidade de Compostela.Nestes Puntos de Información distribuiranse copias de Ubuntu, Galinux e a personalización da distribución de GNU/Linux Ubuntu USC 1.0 “Troia”, que está a ser empregada actualmente no plano piloto de implantación de GNU/Linux na Facultade de Ciencias da Educación. Tamén se distribuirán 5000 folletos informativos sobre Boas prácticas na informática, estándares, licenzas e copyleft, sobre a Ubuntu-USC e sobre a propia Oficina.
Informarase sobre as vantaxes do software libre e do GNU/Linux a estudantes, profesores, PAS e ao público en xeral. Asemade, ofrecerase axuda aos que decidan tentar unha instalación de calquera dos aplicativos e sistemas operativos ofertados.
O ciclo comezará na mentada Facultade de Ciencias da Educación a presente semana (do 1 ao 3 de abril), e proseguirá á volta da Semana Santa (a partir do 13 de abril) na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, para seguir nas semanas vindeiras no resto das facultades e escolas da universidade. Dende a web da OSL irase informando debidamente do calendario a medida que se concrete.
A maiores, o persoal da OSLUSC pon a disposición de todo a aquel que o desexe o material gráfico xerado para a iniciativa. Este material pode ser empregado baixo dos termos das licenzas Creative Commons Atribución-CompartirIgual 3.0 ou GNU Free Documentation License, coa excepción lóxica dos logotipos da Universidade de Compostela e dos aplicativos que teñan dereitos reservados sobre el.
Fonte: OSLUSC
