Mancomún

OUSLI leva o software libre á SCUL Party

Mércores, 8 Xuño 2011

Cartel da SCUL PartyOUSLI anuncia na súa web que vai estar na Scul Party 2011, a festa de computadores que organiza todos os anos a Delegación de Alumnos da Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo (ESEIDA). Esta festa terá lugar esta fin de semana, dende o venres 10 de xuño ata o domingo 12 de xuño no pabellón universitario.

Durante a party, OUSLI ademais de realizar unha tarefa de promoción do software libre así como das actividades da asociación, organiza tamén dous campionatos con xogos libres con premio para o gañador, nos que a xente poida vivir a experiencia de xogar a alternativas libres de videoxogos ben coñecidos:

  • Campionato de Frets on Fire
  • Campionato de Ultrastar Deluxe

O Frets on Fire é un xogo de computador, no estilo do coñecido Guitar Hero, no que o xogador utiliza o teclado ou unha guitarra compatible con PlayStation para seleccionar notas musicais completando a música. O xogo foi vencedor do Assembly Demo Party 2006 e conta con moitos mods para deixar o xogo ao gusto do usuario. Pola Internet poden atoparse as cancións ou músicas favoritas para tocar no Frets on Fire.

O Ultrastar Deluxe é un xogo de karaoke libre inspirado no coñecido Singstar da PlayStation. Permite xogar ata seis persoas e puntuar dependendo da precisión coa que sexan quen de cantar a letra que saia pola pantalla. Hai dispoñibles para descarga centos de cancións, elaboradas polas distintas comunidades de xogadores.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal