A Asociación de Usuarios de Software Libre de Ourense (Ousli) acaba de liberar a documentación da guía de instalación de Redmine, un potente xestor de proxectos en desenvolvemento, na última versión de Ubuntu GNU/Linux 9.04.
O tutorial (howto) pódese consultar nesta ligazón e, como din os membros de Ousli, aforra moitísimo tempo xa que a instalación de Redmine non é sinxela.
Redmine é unha ferramenta de xestión de proxectos de software con interface web que funciona baixo o framework de Ruby on Rails.. Esta ferramenta permite dar de alta proxectos, xefes de proxecto e desenvolvedores mediante a interface web. Unha vez dados de alta pódense definir os fitos do proxecto e as tarefas que se realizarán para cada un destes fitos. Redmine permite obter o gráfico de gannt para cada fito, e asignar unha tarefa para cada membro desenvolvedor.
Os desenvolvedores/as teñen na súa páxina de entrada unha lista de tarefas asignadas. É unha lista conxunta das tarefas de tódolos proxectos. Segundo vaian traballando nas tarefas, poden ir marcando o tempo que estiman que lles levará a tarefa, o tempo que traballaron nela e a porcentaxe que cren que teñen realizado.
Redmine permite dar de alta bugs, crear a wiki e o foro do proxecto, definir novos tipos de tarefas e erros, subir ficheiros e documentos ben ao proxecto ben como anexo ás tarefas e erros.
