Mancomún

OwnCloud: Monta o teu propio clon de Dropbox con software libre

Venres, 10 Maio 2013

O pasado mes de marzo publicouse a versión 5 de OwnCloud, un dos máis populares aplicativos de creación de nubes persoais ou privadas; é dicir, para a creación dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nubw, ou para entendernos, un clon de Dropbox. OwnCloud é software libre e está dispoñible integramente en galego.Captura de owncloud en galego

OwnCloud permite que dende un usuario doméstico ata unha gran empresa poidan dispoñer do seu propio servizo onde almacenar, controlar, sincronizar os seus ficheiros entre múltiples dispositivos e e compartilos cos seus compañeiros, amigos, … e todo elo baixo os seus propios criterios de privacidade, seguridade, políticas de uso, monitorización… Unha das maiores vantaxes de dispoñer dunha nube persoal é que non estamos a ceder o control dos nosos ficheiros e datos persoais a grandes organizacións (como Dropbox, Google Drive, …) cos seus particulares termos de servizo, os seus intereses comerciais, e mesmo estar suxeitos á “Patriot act” pola que as autoridades dos Estados Unidos poderían solicitar acceder aos nosos datos.

Un claro exemplo da importancia da protección dos nosos datos persoais nos servizos na nube, é, segundo recolle o OSIMGA, a recente publicación por parte da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) dunha Guía para clientes que contraten servizos Cloud Computing e de Orientacións para prestadores de servizos Cloud Computing. A AEPD recoñece que a seguridade e as garantías da protección de datos “na nube” son factores condicionantes na toma de decisións dos usuarios, das empresas e das administracións públicas.

Imaxe de como owncloud resolve o problema DropboxOwnCloud permítelle ás empresas resolver o “problema Dropbox”, que basicamente é o risco que se asume cando se permite o uso de Dropbox para a xestión dos ficheiros da empresas. Se os empregados da empresa empregan servizos na nube para compartir datos sensibles con clientes, socios, … ou para sincronizar os datos cos seus dispositivos móbiles ou ordenadores persoais, a empresa está a perder o control dos mesmos. Os datos pasan a estar almacenados en servidores fóra do seu control e xestión, alleos ás políticas e normas de seguridade da empresa e mesmo fóra do país e polo tanto posiblemente con maior dificultade para garantir o cumprimento das leis de protección de datos nacionais…

ownCloud permite dispoñer de todas as vantaxes da sincronización de datos e de poder compartir os datos con quen e cando é necesario, pero mantendo a xestión e control dos mesmos. Ademais, non se limita só ficheiros, senón tamén se pode dispoñer de calendario, marcadores e contactos sincronizados na nube.

Ademais do acceso por web ao servidor ownCloud, hai clientes de escritorio que se integran no xestor de ficheiros de GNOME e KDE, clientes para Windows, clientes para Android e iPhone.

Segundo o anuncio da publicación de ownCloud 5, a nova versión inclúe numerosas melloras no deseño, novas funcionalidades e unha documentación avanzada que fan que sexa significativamente máis doada de instalar, xestionar e usar. Ademais vén cun rendemento moi superior a versións anteriores, ata un 500% máis rápido, grazas ao traballo realizado no sistema de caché de ficheiros. Ademais tamén se mellorou moito o sistema de sincronización co escritorio así como o sistema de control de versións. En canto á integración con outros sistemas, mellorouse a integración con LPAD, a xestión da instalación de apps de terceiros, unha nova API REST e moito máis.

Ademais OwnCloud está dispoñible 100% en galego.

Estatísticas de tradución de ownCloud

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal