Jesus David, un apaixonado do deseño gráfico libre, e que xa nos sorprendera en anteriores ocasións con outros proxectos, publicou recentemente na súa web a actualización dunha serie de paletas de cores para Gimp, Inkscape, Scribus e Krita, entre elas a Paleta Pantano Coated. A liberación desta paleta pon de manifesto, unha vez máis, o alcance que o software libre está a acadar en materia de deseño gráfico, permitindo a calquera profesional da industria gráfica traballar, a día de hoxe, exclusivamente con aplicativos libres e estándares abertos.
Se ninguén poñía xa en dúbida os avances logrados nas últimas versións destas ferramentas libres (Gimp, Inkscape, Xara LX, Scribus…), que permiten cubrir as necesidades máis avanzadas en deseño web; o traballo de JesusDa dá un paso máis alá solucionando os problemas relativos a un dos temas que máis escepticismo xeraba: a saída do produto en imprenta.
A industria gráfica manéxase habitualmente cun estándar privativo de cor, Pantone, sen o cal resulta complicado traballar profesionalmente para o prelo, ao non existires un patrón común. A publicación da Paleta Pantano Coated, entre as outras liberadas, resulta así a máis interesante e útil no nivel profesional, posto que é compatíbel coa especificación de cores Pantone Coated Europe.
Ademais, nesta última actualización -a anterior fora anunciada por Mancomún no ano 2006-, JesusDa corrixiu a paleta Pantano para Scribus, de modo que agora é posíbel xerar PDF, coa separación de cor directa.
Solucións a algunhas das trabas atribuídas ao deseño gráfico con software libre
O deseño gráfico é quizais un dos ámbitos nos que menos impacto ten o software libre, debido á longa experiencia e ao monopolio, completo para os efectos prácticos, que dende hai tempo ten a compañía Adobe -especialmente tras a adquisición de Macromedia- sobre ferramentas para a industria gráfica-multimedia e que lle permiten fixar o seu software profesional como estándar na industria das artes gráficas -así tamén o explicaba nunha entrevista a Mancomún o deseñador Pedro Figueras.
Nos últimos anos o software libre veu adquirindo un gran protagonismo no deseño dixital. As melloras implementadas nos programas libres máis relevantes supuxeron un salto cualitativo nos requirimentos profesionais. No entanto, o deseño gráfico impreso sempre suscitou maiores problemas debido a especificacións técnicas como o CMYK, Pantone…
Segundo explica o propio JesusDa estes problemas, tantas veces invocados como xustificación contra o uso dos aplicativos libres, teñen solución.
Reproducimos a continuación as súas propostas:
- Como afrontar a saída do produto en imprenta dixital?
“Só hai que xerar un pdf, e mandalo todo coas instrucións relativas a tamaños, copias e tipos de papel”. Para isto propón o uso da exportación en Inkscape para imaxes ou de OpenOffice e Koffice se son textos. Engade a maiores que se o traballo require maior calidade “se poden traballar as figuras con Inkscape e logo importalas a Scribus, e igualmente se son imaxes editadas en GIMP”.
- Como se solucionan os duotonos e tritonos?
“Para duotonos/tritonos faise o deseño con Inkscape e logo créanse as separacións de cada tono, expórtanse a pdf e á imprenta”. Ademais, explica, que neste caso poden empregarse Pantones ou mesmo traballar con Scribus. Segundo asegura “eu fago os deseños en Inkscape, gardo en SVG (convertendo a curvas previamente os textos) e logo importo con Scribus o SVG e preparo o pdf para cada separación desde aí”.
- E a cuatricomía (formato CMYK)?
JesusDa explica que este é o apartado que máis problemas xera, pero factíbel ao fin. Para isto propón traballar a imaxe con Gimp, logo cargala con Krita para convertela a CMYK empregando os perfís de cor correspondente. “O traballo máis delicado, meticuloso e difícil estaría en corrixir a viraxe de cor producida polo cambio de RGB a CMYK e que podería solucionarse traballando en Krita dende o principio, pero se perderían no traballo todas as vantaxes do Gimp”, asegura. Finalmente gárdase en formato TIFF ou en JPG co perfil incorporado e mándase á imprenta.
Fonte: www.jesusda.com
