Mancomún

Pandora FMS 3.0. Sistema flexible de monitorización de sistemas

Martes, 2 Febreiro 2010

Logo de PandoraLogo de 4 longos meses de probas, o equipo de desenvolvemento de Pandora FMS comprácese en anunciar a publicación de Pandora FMS 3.0. Trátase dun sistema de monitorización flexible (FMS) de carácter xeral, para grandes contornos, baseado tanto en axentes como en monitorización remota, para todo tipo de sistemas Unix e Windows. Distribúese baixo a licenza GPLv2 e LGPLv2

Segundo indican os seus desenvolvedores, Pandora FMS é quen de detectar tanto se unha interfaz de rede caeu como se as accións de Google baixaron de 500$. É dicir, Pandora FMS pode monitorizar calquera cousa: sistemas operativos, servidores, aplicacións e sistemas hardware— tal como proxies, bases de datos, servidores web, VPN, routers, switches, procesos, servizos, acceso remoto a servidores, etc. todo integrado nunha arquitectura aberta e distribuída. Pandora FMS deseñouse para ser aberto, modular, multiplataforma e fácil de personalizar sen necesidade de ser un experto desenvolvedor.

Precisamente pola versatilidade do sistema, recomendan encarecidamente a lectura do manual de administración tanto para coñecer en detalle para que tipo de monitorización está deseñado e para cal non, como para coñecer como sacarlle o máximo rendemento ao aplicativo.
Algunhas das novidades incorporadas nesta última versión son:

  • Maior escalabilidade, con posibilidade de monitorizar ata 100.000 módulos con cada servidor na versión Entreprise.
  • Melloras no Axente para Windows, permitindo a execución automática de accións ante a caída dun proceso ou servizo, monitorización asíncrona, recepción de ordes remotas, melloras na obtención de datos básicos do hardware do equipo, engadido o chequeo de portos TCP …
  • Mellora na xestión de eventos.
  • Redeseño da interfaz de alertas.
  • Mellora nas gráficas interactivas (flash). As gráficas dos informes son moito máis configurables cun aspecto moito máis profesional e con posibilidade de interactuar con elas.
  • Plugin server compatible con Nagios, o que lle permite usar de forma nativa a práctica totalidade dos complementos remotos de Nagios.

Distribúese paquetizada para SUSE, Debian, Ubuntu, CentOS; unha iso de CD lista para a súa instalación baseada no sistema operativo SUSE, así como unha imaxe virtual VMWare,, todo elo dispoñible para a súa descarga dende Sourceforge. Tamén existe un completo manual de administración de case 400 páxinas, tanto en español como en inglés, en formato PDF.

Finalmente, se o que se quere é ter unha visión rápida do sistema, pode consultarse as capturas de pantalla dispoñibles na súa web ou probar o sistema nunha demo en liña da versión de Pandora FMS 3.0 executándose nun servidor de demo sobre Ubuntu 8.04 con axentes remotos en varios sistemas que monitoriza por internet. Ademais recibe datos a través dun Pandora FMS 2.1 que monitoriza as oficinas da compañía desenvolvedora: AIX 5.1, nun antigo IBM RS6000, un HP-UX v11 nunha estación de traballo J5000, tamén un Solaris 9 nunha Sparc Ultra10, e por suposto en varios servidores con Linux, equipos de rede e algúns sistemas Windows. Teñen uns axentes experimentais que monitorizan a temperatura, humidade e a apertura da oficina con un sensor de hardware baseado en Arduino e Open-WRT .

Fonte: Barrapunto

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal