Mancomún

Participa na elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020

Luns, 28 Xullo 2014

Logotipo da Axenda Dixital 2020A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) iniciou esta mañá unha campaña de participación social para recoller as ideas e suxestións de toda a sociedade galega no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, de forma que a administración autonómica e as partes interesadas formen unha rede social para co-deseñar a nova estratexia tecnolóxica global.

A definición desta nova estratexia tecnolóxica do Goberno galego terá así como piar fundamental o emprego dun modelo de intelixencia colectiva. Este modelo busca a participación de institucións, axentes económicos, axentes sociais e de todos os colectivos que integran a sociedade galega. Entre todos traballarase na identificación e resolución dos desafíos dixitais aos que se enfronta Galicia de cara ao horizonte 2020.

E por suposto, neste proceso, os axentes do ecosistema do Software Libre e as persoas e colectivos interesados no mesmo, están chamados tamén a colaborar na identificación das áreas nas que o Software Libre pode contribuír.

Cinco Desafíos

Imaxe de desafío aberto á participación cidadáPor primeira vez, ademais da recollida de achegas de expertos, institucións e da propia administración, a través de entrevistas, xornadas de traballo e envío de formularios, haberá unha actuación para permitir a participación aberta de axentes sociais, económicos e colectivos sociais.
Esta participación articúlase a través do Blog XenteDixital, desde o que se formularán cinco desafíos sobre que medidas ou solucións TIC poderían contribuír a mellorar cinco ámbitos: cidadanía, servizos públicos, empresas, educación e sectores primarios.

A través destes desafíos calquera persoa poderá achegar as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou simplemente enviar as suxestións que considere a través do mail adg2020 @ xunta.es.

Hoxe abríronse os dous primeiros desafíos ou temas que estarán abertos ata o 15 de setembro:

  • “A que servizos públicos che gustaría acceder a través da Internet?”
  • “Que farías en materia de accesibilidade dixital para que todas as persoas poidan facer uso dos servizos públicos dixitais?”

A partir do 16 de setembro e ata o 15 de outubro abriranse os restantes retos para os ámbitos da empresa, a educación e os sectores primarios:

  • “Como aplicarías a tecnoloxía para mellorar a educación do futuro?”
  • “Que farías para aumentar o uso das novas tecnoloxías nas empresas? ”
  • “Que novas solucións tecnolóxicas proporías para modernizar os sectores primarios de Galicia?”

O Software Libre como resposta aos desafíos dixitais de Galicia 2020

O fomento do uso do software libre no sector empresarial, na sociedade e na propia administración vén sendo unha aposta estratéxica do Goberno galego no marco da Axenda Dixital 2014.gal e sen dúbida continuará sendo un dos piares estratéxicos que sustentarán a nova axenda como ferramenta transversal que contribúa á consecución dos obxectivos de innovación, crecemento económico e mellora da vida cotiá da cidadanía e das nosas empresas.

Así pois, animamos a todos os axentes do ecosistema do Software Libre galego e a todas aquelas persoas que queiran achegar a súa visión de como o Software Libre pode mellorar a Sociedade da Información en Galicia, a participar nesta campaña respondendo aos desafíos ou enviando as súas suxestións e ideas ao mail de contacto da axenda dixital.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal