Mancomún

Pedro Figueras: "Co SwL partimos dunha produtividade e dunha competencia do produto mellor"

Mércores, 19 Novembro 2008

Que cres que valorou o xurado de Eganet para conceder este premio?

Imaxino que valoraría a complexidade en xeral, os servizos que se ofrecen na páxina. Pero bueno, do que ten a páxina o mellor é o feito de traballar con librarías de Software Libre. Traballamos en php, mysql, ajax, escapamos moito de flash e, sobre todo, non se fixo nada en .asp.

Nalgún momento comentaches que empregastes técnicas que antes nunca se utilizaran. Cal é exactamente o aspecto innovador?

Está orientado, sobre todo, ao tema da xestión das noticias, que é a que usan os redactores. O que tratamos foi facer unha ferramenta sinxela, de xeito que calquera redactor puidese montar unha noticia cun editor de texto e dispoñer dunha gran variedade de recursos multimedia cun repositorio moi versátil. O redactor crea os contidos de texto, imaxe… e mediante cursor modifícaos como o faría en calquera sistema operativo. Son ferramentas máis de usabilidade interna que externa.

De cara ao usuario, non obstante, a páxina tivo algúns problemas iniciais.

O problema foi o tempo. A páxina estreouse o 4 de decembro do ano pasado, porque A Nosa Terra celebraba o seu centenario e nós aceptáramos o proxecto en agosto. Só catro meses antes Unha iniciativa destas características require dun tempo de desenvolvemento e, neste caso, no último mes fixéronse millóns de cambios que romperon o ritmo de produción pero que serviron para mellorar a calidade da páxina. Despois cun par de meses máis enriba foron correxíndose todos os problemas. Sobre todo tivemos problemas co internet explorer 6. A páxina estaba orientada para tecnoloxías un pouco máis estándar, pero Explorer ten a súa maneira de ver a rede e isto xerou moitos problemas.

Por que se optou por tecnoloxías abertas?

A nivel de empresa cremos que hai que desenvolver o negocio de xeito sustentable. Calquera produto que fagas precisa un investimento económico de cara á tecnoloxía. Falando de software podes necesitar unha suite de ofimática, un programa de contabilidade, programas orientados cara ao teu sector: debuxo vectorial, tratamento de imaxe… Todo isto implica un investimento de diñeiro bastante alta. Co Software Libre partimos dunha produtividade e dunha competencia do produto moito mellor, porque digamos que non sae tan caro. O que nos condicionou para o uso desta tecnoloxía foi isto por unha parte, e despois a posibilidade de poder compartir todos estes coñecementos. Por exemplo, se colgas unha ferramenta e calquera outro desenvolvedor a mellora, tes un beneficio sen investimento. Trátase dun intercambio de coñecemento moi interesante.

A introdución das tecnoloxías abertas no ámbito do deseño é algo sempre moi debatido. Cal foi a vosa experiencia?.

Para nós foi moi sinxelo traballar en linux, php, mysql… No tema de deseño é outro cantar porque se trata dun mercado moi privatizado. Eu levo dende o ano 92 traballando con Adobe e con Aldus, que despois pasou a ser Macromedia, atopar iso en Software Libre é moi complicado. Xogan coa vantaxe de levar moitos anos introducindo melloras. Ademais, existe outro problema de cara ao Software Libre que é a forte dependencia co cliente-provedor que te obriga a dispoñer das aplicacións coas que eles traballan.

Precisamente aí radica a importancia do Software Libre. Cos estándares abertos non evitaríamos todo isto?

Claro, pero a realidade condúceche a ter ese programa. A min encantaríame ter unha ferramenta de Software Libre coa que traballar e que me dera o mesmo que teño agora, pero iso non é aínda posible. O que non podemos é ir cara atrás. A miña achega é intentar traballar nos formatos máis estándares: .jpg, .tiff…

Non hai posibilidade de cambio nesta tendencia tan habitual entre os deseñadores?

Agora mesmo é complicado, pero estase mellorando moito. Hai uns anos coa programación pasaba o mesmo. Por exemplo, o Software Libre está actualmente moi metido en tema de ofimática e xa hai cantidade de utilidades para ter a túa parte de oficina preparada sen necesidade de compañías privadas. No ámbito do deseño gráfico o que falta é a evolución cara ao profesional. Pero imaxino que nun par de anos estaremos nas mesmas condicións.

Para que se produza este salto ao profesional é preciso unha comunidade de desenvolvedores implicados. Cres que o Software Libre se coñece o suficiente?

Penso que hai cantidade de iniciativas deste estilo que non se coñecen. Son moi interesantes pero non se coñecen, porque non hai unha campaña de difusión para a sociedade. Quédase todo como un gueto e non hai comunicación externa. É unha pena, porque a única maneira de que o Software Libre triunfe é que entre nas casas, nas empresas… Penso que unha campaña social sería moi interesante.

Que valores resaltarías nunha campaña deste tipo?

Creo que a maneira de entrar nas casas é difundir a idea de que o Software Libre non é software barato e malo, senón que é tan bo como calquera outro. O Software Libre dáche a posibilidade de actualizar, de buscar recursos na rede, e o que queiras. É unha cousa que vai evolucionando e mellorando constantemente a través da rede e, o que é máis importante, sen custos.

Cres que premios coma o de Eganet facilitan esta difusión?

Penso que Eganet vale para dar a coñecer o traballo entre nós. As empresas funcionan cada unha no seu curruncho e non sabes o que están facendo o resto de empresas en Galicia. Precisamente, o que me sorprendeu de Eganet é que había moita calidade, sobre todo de traballos e iniciativas de innovación.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal