Mancomún

Pemes e autónomos galegos recibirán asesoramento tecnolóxico da man do CPEIG e Amtega

Venres, 27 Setembro 2013

Imaxe da presentación do Programa de Asesores TICO Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentaron onte no Centro Demostrador TIC o Programa de Asesores TIC dirixido a pemes e autónomos galegos.

Este programa ten por obxectivo prestar apoio ás pequenas e medianas empresas galegas no seu proceso de mellora tecnolóxica sen custe algún para elas. A iniciativa está dirixida a negocios dos sectores da agroalimentación, do mar, da acuicultura e da construción, así como a autónomos que teñan previsto implantar algunha solución TIC no prazo dun ano a partir do comezo do programa.

O asesoramento será desenvolvido por profesionais con formación en Enxeñaría en Informática que axudarán ás empresas a determinar cales son as súas necesidades tecnolóxicas en función do seu modelo de negocio, sempre co obxectivo de acadar unha mellora na súa eficiencia e produtividade. Nesta selección, os asesores tecnolóxicos primarán as solucións baseadas en software libre e titorizarán para a implantación de solucións TIC.
Durante a xornada informativa de onte, as empresas asistentes obtiveron información detallada dos obxectivos do programa, a relevancia das novas tecnoloxías nas Pemes como vantaxe competitiva, e as vantaxes de empregar solucións tecnolóxicas con licenza libre fronte ás solucións privativas.

Ademais, recibiron un cuestionario para avaliar a súa madurez tecnolóxica, que servirá tamén para realizar a selección das empresas beneficiarias do programa.

Plan Director TIC gratuíto

As empresas seleccionadas para participar no programa disporán de asesoramento no eido TIC de alta calidade e obterán un Plan Director TIC con custo cero, que servirá como folla de ruta para a implantación de melloras tecnolóxicas, suxerir as correccións precisas nos aspectos organizativos e dirixir a entidade cara o modelo máis axeitado.

Para a elaboración do Plan, os asesores TIC visitarán as instalacións de cada empresa e realizarán unha análise detallada dos procesos de negocio e ferramentas TIC que están a a empregar. Deste xeito, os profesionais do programa detectarán in situ as necesidades máis importantes para establecer prioridades na implantación de ferramentas TIC. O Plan inclúe tamén unha análise DAFO da empresa e unha relación das solucións TIC máis axeitadas en cada caso.

Lembramos tamén que a pasada semana AGASOL e AMTEGA presentaron a Guía de Solucións TIC en Software Libre para Profesionais Autónomos, unha serie de materiais didácticos cos que se pretende que os profesionais autónomos e micropemes poidan coñecer o funcionamento das principais solucións tic recomendables para a mellora dos seus procesos e incrementar a súa produtividade.

Coa posta en marcha destas iniciativas, Amtega, CPEIG e AGASOL queren apoiar e impulsar a produtividade dentro das empresas galegas a través das TIC, como vía fundamental para sentar as bases da xeración de riqueza, emprego e arraigo da poboación no territorio. Para ambas entidades, as TIC, xunto a I+D+i, son eidos básicos para a recuperación da competitividade e para potenciar o avance cara a denominada Sociedade do Coñecemento.

Fonte: imit

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal