Alejandro Escobar Díaz, presidente de AGASOL publica un artigo de opinión na sección iMit Opina que reproducimos a continuación.
Pensar en software libre é pensar en eficiencia e eficacia no investimento en tecnoloxías da información: máis e mellores servizos a menor custo
O actual contexto económico está a promover con máis intensidade ca nunca a adopción de solucións que sexan economicamente rendibles, pero que ao mesmo tempo estean preparadas en eficiencia e calidade para competir nun mercado cada vez máis especializado e esixente.
No ámbito do software libre en particular, esta filosofía da eficiencia económica e a calidade do produto é un trazo de identidade que sempre estivo presente, sen agardar á variación do momento económico. Mais é neste momento cando se fai máis visible a idoneidade de “pensar en software libre” á hora de planificar solucións de soporte informático tanto a pequena como a grande escala.
A Asociación de empresas GAlegas de SOftware Libre -AGASOL- vén fortalecendo o tecido empresarial do software libre desenvolvendo proxectos que promoven as tecnoloxías opensource non só como alternativa por economía, senón por adaptabilidade e versatilidade dos produtos, e aplicacións de calidade. Esta promoción do software libre plásmase en catro eixos principais:
- a mellora da xestión
- a formación
- a internacionalización e colaboración internacional empresarial
- a aplicación a novos campos (o terceiro sector,…)
Como ferramenta para a mellora da xestión empresarial, AGASOL deseñou un aplicativo web de software libre para a xestión de proxectos -Navalplan- nun estaleiro e en dúas empresas auxiliares. Isto foi posible ao abeiro dun convenio de colaboración que a asociación asinou coa SXMIT, encamiñado á promoción e desenvolvemento do software libre e o uso de estándares abertos en Galicia.
No eido da educación, AGASOL é colaborador imprescindible do proxecto Abalar, que coordina a Consellería de Educación, e que consiste na integración das TIC no eido educativo implementando software libre nos equipos portátiles do alumnado e o profesorado, así como nos servidores dos centros educativos, para o cal é precisa unha constante formación en contidos dixitais, na que tamén participa AGASOL.
Mais cando os produtos creados dende o software libre, coma os galegos que xermolan dentro de AGASOL, acadan un nivel de calidade óptimo, é momento de promover tamén a súa internacionalización e a colaboración cos sectores empresariais doutros países. Neste senso, AGASOL participou xunto con outras entidades do sector nun proxecto promocionado polo IGAPE e destinado a tender pontes ás empresas de software libre galego para o intercambio empresarial con membros dos países BRIC, cunha ollada máis detida no mercado Chino e nas posibilidades de colaboración con Brasil.
Nunha sociedade cada vez máis demandante da colaboración intersectorial e da organización para o desenvolvemento, AGASOL organizou unha xornada dirixida ao terceiro sector, para dar a coñecer as solucións TIC que ofrece o software libre. Este encontro foi un punto de partida para a colaboración co desenvolvemento promovido polos axentes do terceiro sector a partir das solucións prácticas e gratuítas que ofrece o software libre.
Non obstante, malia que se están dando pasos moi definidos e importantes na difusión de ferramentas de código libre en campos moi dispares, dende AGASOL consideramos que é precisa unha liña de acción máis transversal que necesariamente debe pasar por un cambio de conciencia sobre as necesidades no ámbito TIC. A aposta polo software libre debe sobrepasar as colaboracións puntuais e a política de subvencións para ser tida en conta como unha alternativa seria, viable e garante coa interoperabilidade tecnolóxica e os estándares abertos, e que sexa o sustento doutra maneira de entender a xestión de software, piar básico, por exemplo, da administración.
Neste eido e coa necesidade de racionalización dos gastos no sector público, o software libre é un claro exemplo de políticas de aforro que impulsan a xeración de economía produtiva cun impacto local. Ante a demanda social que esixe o aproveitamento máximo dos escasos recursos dispoñibles, a aplicación de tecnoloxía libre permite a eliminación dos custes fixos por licenza de uso do software privativo. Así mesmo, a liberdade que proporciona o software libre garante a posibilidade de elección de provedor e fomenta a competencia e a redución dos custos.
A Xunta de Galicia ten unha estratexia de fomento do software libre materializada a través dos plans anuais de acción de software libre. AGASOL está convencida da necesidade de facer unha aposta decidida e coordinada para incorporar como paradigma de traballo interno os principios das comunidades de software libre: compartir, colaborar, participar e liberar. Estes principios levan á optimización de esforzos á compartimento de custos e a unha forma de colaboración coa sociedade e co sector produtivo eticamente xusta e tecnoloxicamente de vangarda.
Para iniciar este camiño deben darse pasos adiante, establecendo un plan de evolución TIC no que se estableza a substitución progresiva das ferramentas propietarias para as que existe unha alternativa libre de calidade que cubra as necesidades do persoal público, acompañando este proceso coa formación axeitada por parte das entidades propias da Xunta de Galicia coma a EGAP.
Se 17 autonomías teñen que solucionar problemáticas similares, deben compartir custos e realizar desenvolvementos colaborativos con adaptacións á súa realidade particular. O licenciamento e modelo do software libre e o uso de estándares abertos serán mellor solución que adquirir 17 solucións distintas que poidan ser incompatibles entre elas. O uso de estándares abertos xunto coa interoperabilidade é o reto que temos que asumir para garantir uns servizos públicos accesibles e abertos a sociedade.
A solución está en avaliar, antes de contratar unha nova solución, as posibilidades e custos da adaptación das solucións libres existentes. Da mesma forma debe esixirse que os novos desenvolvementos para o sector público garantan a súa liberación, compartimento e publicación para que ninguén teña que volver pagar dúas veces polo mesmo traballo sufragado con fondos públicos, senón unicamente pola adaptación e personalización.
En conclusión, pensar en software libre é pensar en eficiencia e eficacia no investimento en tecnoloxías da información. Polo tanto, os responsables TIC das Administracións Públicas teñen no software libre unha solución para dar máis e mellores servizos a menor custo.
E neste contexto, onde se fai evidente a existencia dunha necesidade global, xorde a alternativa de Agasol como canalizadora dos cambios que han mudar por completo a calidade do servizo, non só con accións puntuais, senón como punto de partida e motor de desenvolvemento dunha acción conxunta. Agasol ten unha sólida experiencia na coordinación de equipos de traballo en comunidade, na captación das necesidades do tecido empresarial e na achega de solucións coordinadas, o cal a sitúan un punto clave para comezar a aplicar esa experiencia de xestión a unha necesidade global como a que agora, e acentuada pola situación de aforro económico, presenta a administración galega. Nun contexto de demanda máis amplo, Agasol sabe dar resposta a proxectos de grande envergadura, grazas a contar con profesionais con experiencia en consultoría e migración a software libre en diversos gobernos, autonómicos, nacionais e internacionais, como o de Brasil. No seu día a día, e nun campo de actuación máis inmediato, Agasol é hoxe ponte de comunicación entre o software libre galego e a nosa administración, así como actor fundamental do tecido empresarial galego que procura solucións rendibles.
Recollendo os principios de colaboración e aproveitamento das sinerxias sobre os que pivota o software libre, será posible mudar a calidade dos servizos e facelo cunha perspectiva fixa de aforro e eficiencia.
