Mancomún

Petición de contribucións para a Xornada de experiencias de Software Libre para o Terceiro Sector

Luns, 7 Setembro 2015
  • O 22 de outubro a AMTEGA organiza a Xornada de experiencias de Software Libre para o terceiro Sector.
  • A achega de contribucións de entidades sobre a súa experiencia no uso de Software Libre está aberta ata o 14 de setembro.

Como peche do ciclo formativo de Software Libre para o terceiro sector que desenvolve a AMTEGA en colaboracion coa Rede Galega contra a Pobreza, o xoves 22 de outubro celebrarase na Santiago de Compostela a Xornada de difusión de experiencias de uso de software libre no Terceiro Sector dirixida ás  ONGs, ONGDs, Asociacións e colectivos de voluntarios.

Esta xornada ten por obxectivo achegar ás entidades experiencias do propio terceiro sector de implantación e uso de solucións TIC libres que lles permitan mellorar o xeito en que se xestionan, a súa operativa diaria e a súa organización. Ademais, busca tamén servir de punto de encontro para as entidades do terceiro sector no que poder compartir experiencias e boas prácticas no uso das TIC, particularmente con licenza libre.Xornadas de Software Libre para o Terceiro Sector

Ata o próximo 14 de setembro está aberto a petición de contribucions e propostas de relatorios por parte tanto de voluntarios dixitais con experiencia en software libre ou asociacións de usuarios de software libre, como por parte de entidades de acción social que xa estean empregando software libre na súa xestión ou actividade diaria, e que desexen achegar a súa experiencia a outras entidades ou empresas ou entidades implantadoras de solucións libres.

As entidades e persoas interesadas en compartir experiencias poden consultar a información da xornada xunto coa petición de contribucións en http://www.mancomun.org/xornadaterceirosector

A temática dos relatorios deberá estar relacionada con experiencias de uso de software libre como por exemplo:

  • experiencias de migración a software libre
  • experiencias de implantación de solucións de xestión de entidades sociais e coordinación de proxectos
  • experiencias de solucións para a xestión de voluntariado, socios, doantes, etc
  • experiencias de formación de voluntariado ou para a inclusión social
  • experiencias de activismo e participación activa
  • etc

Unha vez rematado o prazo de recepción de contribucións, o 14 de setembro, farase unha revisión das mesmas e comunicarase aos interesados a súa aceptación, en función da relación coa temática da xornada e o tempo dispoñible, procedendo entón á elaboración do programa da xornada e apertura da inscrición na mesma.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal