Dende GPUL anuncian que un ano máis comezan a organizar as xa senlleiras Xornadas Libres, que consistirán, coma sempre, nunha serie de charlas, obradoiros e concursos con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo do software libre, do hardware libre os estándares abertos ou mesmo a cultura libre en xeral.
As XI Xornadas Libres, que están dirixidas a todos os públicos con interese no mundo libre, celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña do 23 ao 27 de abril de 2012.
Co anuncio publicado onte ábrese ata o 7 de abril o período para remitir propostas de charlas ou actividades a través do formulario habilitado na plataforma de xestión de contribucións, previo rexistro no evento.
Aqueles interesados en propoñer un relatorio ou obradoiro deberán facelo atendendo as seguintes instrucións.
Requisitos de presentación
- Temática: estará relacionada co Software Libre, Hardware libre ou coa Cultura Libre en xeral e poden ter todo tipo de enfoques: divulgativo, desenvolvemento, investigación…
- Lingua: poderanse presentar propostas en galego, castelán, portugués, inglés ou francés.
- Software: todo software referenciado debe de ser compatible coa definición de Software Libre da FSF. O mesmo se aplica para o caso do hardware e a definición do OSHW.
- Gravación e distribución dos contidos: o poñente autoriza a GPUL a facer unha gravación da súa intervención, así como a distribuír tanto a gravación coma o resto do material empregado durante a intervención, baixo unha licencia libre (segundo a FSF).
Dende a directiva, agardan tanto as vosas propostas como a vosa asistencia, pero sobre todo que o pasedes ben e que lle deades a máxima publicidade posible ao evento.
