Un ano máis, GPUL comeza a organizar unha nova edición das Xornadas Libres, que van xa pola súa XII edición.
Para os que aínda non o saiban, estas xornadas caracterízanse por contar cunha serie de charlas, obradoiros e concursos con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo do software libre, do hardware libre, os estándares abertos, as licenzas, e a cultura libre en xeral.
As XII Xornadas Libres, dirixidas a todos os públicos con interese no mundo libre, celebraranse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña do 22 ao 26 de abril de 2013.
Dende GPUL abriron o prazo para remitir propostas de charlas ou actividades que remata o vindeiro día 04/04/2013 ás 23:59 horas.
Aqueles interesados en propoñer un relatorio ou obradoiro deberán facelo atendendo as seguintes instrucións.
- O envío das mesmas farase a través da plataforma creada para tal fin, sendo preciso rexistro previo e cubrindo correctamente o respectivo formulario web.
- Será preciso adxuntar o material que se considere necesario para a avaliación da proposta (presentación ou similar, etc.).
- Aceptaranse propostas en galego, castelán, portugués, inglés e/ou francés.
- Calquera proposta que non cumpra coas anteditas normas será directamente rexeitada.
Dende a directiva queren agradecer de antemán as vosas propostas e a difusión do evento. Así mesmo agardan que as xornadas sexan do voso agrado.
