A semana pasada fixéronse públicos os resultados do informe sobre a valoración do Software Libre por parte da sociedade edición 2013, elaborado por quinto ano consecutivo por PortaProgramas, como vos informamos no mes de decembro cando abriron a enquisa aos usuarios.
O obxectivo deste estudo é como nos anos anteriores obter unha fotografía do estado actual de valoración e uso do Software Libre na sociedade, de forma que a comunidade de software libre poida avaliar como os usuarios están a percibir o seu traballo, facer autocrítica e detectar aqueles puntos nos que se pode mellorar.
Segundo informan dende PortaProgramas, este ano máis de 2800 participantes de fala hispana responderon á enquisa de valoración de software libre, o que supón un nivel de participación similar ao do ano 2011, e algo máis da metade que a espectacular participación do ano pasado.
Algunhas das conclusións que se estraen deste estudo son :
- Un 75% dos que responderon á enquisa afirman usar regularmente software libre.
- Repítense as confusións habituais. Máis da metade dos enquisados (55%) caen na confusión de que o software libre é gratuíto ou que non se pode vender. Un dato interesante é que os usuarios de menor idade acertan máis coa definición correcta de Software Libre. (un 63% dos menores de 25 anos e un 59% daqueles entre 26 e 35 anos) o que confirma o interese e bos resultados que a difusión destas tecnoloxías no sector educativo supón para que progresivamente as novas xeracións vaian coñecendo mellor o Software Libre.
- Parece haber unha correlación clara entre o coñecemento do que é o Software Libre e o seu uso. Así o 41% dos usuarios que se equivocan na definición de Software Libre non o usan, mentres que o 70% dos que si o usaron pero deixaron de facelo pensaban que este é sempre gratuíto.
- Os datos reflicten que hai un conformismo ou resistencia ao cambio. O 52,8% dos que non usan software libre manifestaron que é porque lles funcionan ben os programas privativos que teñen.
- A confianza no Software Libre sigue sendo maioritaria. Só un 11% dos enquisados manifestan que deixaron de usalo porque lles deu problemas.
- O principal criterio á hora de empregar un software é a súa utilidade e eficacia, seguido de preto pola liberdade e pola gratuidade. Unha vez máis, a idade ten unha correlación coa importancia que se outorga ao concepto de Software Libre, sendo o grupo de 26 a 35 anos os que máis valoran este aspecto, seguido polos menores de 25 anos.
No web do estudo pódese consultar con moito máis detalle as distintas análises que realizan para cada unha das dimensións analizadas, coñecemento, uso, confianza, imaxe, preferencias e cambio.
