Os Premios ao Mellor Software Libre 2009 é unha iniciativa da páxina web PortalProgramas para recoñecer e agradecer o esforzo que a comunidade de desenvolvedores de software libre realiza para crear o software que tan útil nos resulta aos usuarios.

Esta páxina doará 500 euros ao proxecto de software libre que resulte escollido polos usuarios da páxina de entre os preto de mil aplicativos libres que optan a este premio. Para participar na escolla do software gañador, pódese votar unha vez ao día polo noso aplicativo favorito. Atoparemos un botón para votar na páxina de información de cada un dos aplicativos libres. Para atopar un aplicativo en concreto, poderemos empregar o buscador da páxina, e podemos botar unha ollada a todos os aplicativos libres dispoñíbeis navegando pola sección de software libre da páxina.
Segundo podemos ler nas bases dos premios, as votacións estarán abertas durante todo o mes de decembro, e o día 11 de xaneiro darase a coñecer o nome do proxecto gañador.
Na páxina de información sobre o premio, os organizadores explican por que queren doar estes cartos:
Na realización e distribución do software libre emprégase tempo e recursos (software, hardware, servidores para as descargas…) e iso supón un custo ao que os usuarios dos aplicativos poden contribuír realizando doazóns. A todos nos queda a satisfacción de termos achegado o noso gran de area: votando cada día polos nosos proxectos favoritos, axudarás a que sexan os gañadores e así se consiga impulsar o seu desenvolvemento e mellora.
