Mancomún

Presentación da candidatura do dominio .gal á ICANN

Martes, 29 Maio 2012

Presentación da candidatura .galHoxe 29 de maio de 2012 ás 12:00 horas, no auditorio da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, terá lugar o acto de presentación da candidatura do dominio .gal, o dominio de Internet de primeiro nivel para a lingua e cultura galegas, que será remitida á ICANN de forma inminente, xa que aínda que o prazo remata mañá 30 de maio, e a asociación puntoGAL xa completou todos os trámites económicos, técnicos e administrativos para a solicitude do .gal.

O acto consistirá nunha mesa redonda que será inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira. Nos relatorios participarán, entre outros, representantes da Fudació Puntcat (que xestiona o .cat, o dominio da lingua e cultura catalás), a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Consello da Cultura de Galicia, EGANET, Asociación Galega de Editores e Código Cero.

O acto servirá ademais para explicar os prazos do exame da ICANN e as futuras formas de rexistro do .gal.

A comunidade galega no mundo, con máis de 4 millóns de persoas, a nosa lingua e a nosa cultura precisan dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xeramos na rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global.

Contar cun dominio propio para a cultura galega permitirá situar a nosa lingua no máximo nivel entre as linguas no DNS, o que repercutirá no seu prestixio internacional. Aos efectos prácticos, atopar e ordenar información en galego resultará moito máis doado, por exemplo para os grandes buscadores. A experiencia do .cat, o único dominio lingüístico activo, apunta a que ter un identificador propio favorecerá a publicación de máis contidos en galego. Ademais, o .gal tamén servirá de vínculo entre as webs da emigración.

Dende o punto de vista económico, contando cunha xestión adecuada e co apoio da comunidade, o Puntogal pode ser autosuficiente aos poucos anos, e mesmo dar beneficios. Estes beneficios da xestión dos dominios .gal, a diferencia do que acontece con resto de dominios actuais, repercutirá directamente sobre a nosa comunidade e a nosa cultura, como vén facendo a Fundació puntCAT coa cultura catalá. Puntogal é unha iniciativa sen ánimo de lucro que destinará os beneficios a fomentar a lingua e a cultura galegas nas novas tecnoloxías.

En certa medida, pode verse unha certa similitude coas vantaxes do uso do Software Libre para a nosa comunidade. Por unha banda, o Software Libre está a permitir normalizar o uso da nosa lingua no Software, grazas ao traballo da comunidade de tradución de software libre ao galego agrupados fundamentalmente no Proxecto Trasno, e por outra banda, cando unha empresa, institución … contrata servizos de implantación ou desenvolvemento sobre proxectos libres, a inversión económica repercute directamente nas empresas locais, e polo tanto xera riqueza na nosa comunidade. Sen dúbida o Software Libre e o dominio .gal contribuirán e moito a favorecer tanto a nosa cultura como a nosa economía.

A asociación puntoGAL convida a todos os socios de puntoGAL, aos representantes das organizacións que traballan coa lingua e as novas tecnoloxías en Galicia e a todos aqueles interesados en contribuír a espallar o dominio para a lingua e a cultura galegas a asistir á presentación da candidatura do noso dominio.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal