Mancomún

Presentación da Maker Faire de Galicia

Luns, 12 Setembro 2016

Maker Faire de GaliciaO pasado día 6 de Setembro a concelleira de Turismo do concello de Santiago fixo a presentación oficial da Maker Faire de Galicia.

En outubro de 2015 celebrouse a primeira Maker Faire da historia de Galicia en Santiago de Compostela, no centro comercial Área Central. Desta volta, a Maker Faire de Galicia celebrarase os días 1 e 2 de outubro no Palacio de Congresos.

A Compostela Maker Faire convértese neste ano, na súa segunda edición, na Maker Faire Galicia, co obxectivo de, como xa comentabamos en Xullo, converterse nun evento anual que sirva de punto de encontro para a comunidade creadora, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa.
Na nota de prensa do Concello de Santiago explican a fórmula coa que se pretende acadar o éxito da Galicia Maker Faire “consistente en reunir nun mesmo espazo e tempo a persoas que fan cousas incribles e están dispostas a partillalas co público”. Polo que trátase de facer visible a produción colaborativa da Galicia máis innovadora, aumentando a inquedanza por aprender e facendo de punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións.

Durante dous días estarán representados proxectos relacionados coa robótica, impresión 3D, gastronomía, electrónica, artesanía, música, arte urbana, etc. Haberá espazo para talleres, mesas redondas, presentación de proxectos, espectáculos e actividades para todos os públicos. A previsión é que se superen os 150 makers participando no evento.

Movemento Maker

O movemento maker reúne baixo un mesmo paraugas un crecente número de persoas de distintos perfís que usan técnicas Do-It-Yourself e Do-It-Together para desenvolver tecnoloxías únicas e solucións innovadoras. Europa é o continente cun maior número de Makerspaces e Fablabs, ademais de dar a luz a proxectos como Arduino, Raspberry Pi ou RepRap, todas ferramentas de código aberto que democratizaron o acceso a tecnoloxías como a electrónica, a programación e a impresión 3D.

A cultura maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento; novos traballos (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis); novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos e que son accesibles a todos a través de Internet; e novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas como as Maker Faire.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal