O grupo GSyC/LibreSoft da Universidad Rey Juan Carlos presenta mañá en Madrid a edición 2009-2010 do Máster de Software Libre, que dispón tamén dunha edición en Galicia en conxunto con Igalia e Caixanova- Máster Software Libre Caixanova. No entanto, mentres que en Madrid repetirán o programa formativo por segundo ano, a iniciativa galega sumará xa un ano máis de experiencia, sendo esta a súa terceira edición.
Para o acto de presentación en Madrid, está programada unha sesión o mércores 24 de xuño na Praza Manuel Becerra na que se dará a coñecer o profesorado, a filosofía docente, o temario e as condicións da matrícula (incluídos os prezos, prazos e bolsas).
O Máster de Software Libre Caixanova aínda non anunciou as novidades que introducirá o novo curso 2009-2010, aínda que este mantén en esencia características similares á edición madrileña.
Estado actual de Máster en Software Libre
Do que si informa periodicamente o Máster de Software Libre Caixanova é do avance do curso. Deste xeito, a comezos do mes de xuño informouse do remate dos tres primeiros módulos do temario, quedando pendente de docencia os módulos sobre desenvolvemento de SwL en web (actualmente en proceso) e o referente a dinámicas de comunidades, previsto o seu inicio para esta semana.
No relativo, ao módulo en proceso foi liberado parcialmente algún material didáctico, accesíbel a través da plataforma do Máster.
Fonte: Máster de Software Libre- Universidade Rei Juan Carlos | Máster de Software Libre Caixanova.
