Mancomún

Presentación do Premio ao mellor PFC con software libre nas facultades galegas

Mércores, 30 Setembro 2009

Premio ao mellor PFC con SwLDende hoxe e ata o vindeiro 6 de outubro, Igalia realizará unha xira polas facultades galegas para dar a coñecer o Premio ao mellor proxecto de fin de carreira con software libre. Os lugares e datas escollidos son:

  • 30 de Setembro ás 10:00. Santiago de Compostela, Escola Técnica Superior de Enxeñería.
  • 30 de Setembro ás 16:30. Vigo, Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación.
  • 01 de Outubro ás 12:30. Ourense, Escola Superior de Enxeñería Informática.
  • 06 de Outubro ás 12:00. A Coruña, Facultade de Informática.

Nestas presentacións explicaran con detalle tanto os obxectivos como as bases do premio tratando así de acadar o maior número de participantes que poidan optar ao premio final de 1000€.
Este premio, ao igual que nas anteriores edicións, está aberto á participación de calquera estudante dunha titulación de primeiro ou segundo ciclo do Sistema Universitario Galego que publique o seu Proxecto de Fin de Carreira cunha licenza libre e o defenda nalgunha das convocatorias do ano académico 2008/2009 cunha nota mínima de 5.

Mancomún tamén colabora co Premio ao mellor PFC con SwL

Ao igual que en anos anteriores, Mancomún colabora activamente neste premio fornecendo a infraestrutura para o desenvolvemento dos proxectos na Forxa ademais dunha lista de correo, na que os participantes do premio teñen que rexistrarse. Ademais formaremos tamén parte do xurado desta 3ª edición do premio.

Froito desta colaboración, Mancomún entrevistou a Andrés Maneiro e José Mª Casanova, hai uns meses, onde nos falaron deste premio ademais do Master de software libre organizado pola propia Igalia.

Fonte: Premio PFC con software libre

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal