Hoxe presentouse en Madrid a Guía de Boas Prácticas para a Licitación de Desenvolvemento Libres nas Administracións Locais. A presentación correu a cargo do director xeral de red.es, Sebastián Muriel; do presidente de ASOLIF, Pablo Gómez e do director xerente de CENATIC, Miguel Jaque.

Esta guía é o primeiro dos produtos xerados no proxecto ALIAL, que ten como principal obxectivo que as entidades locais contraten, empreguen, compartan e reutilicen solucións libres en base ás condicións técnica de licitación das mesmas.
O resultado que se agarda deste proxecto e coa publicación desta guía é a mellora da actual dinámica de contratación de tecnoloxía por parte dos concellos españois, a fin de garantir que sexa técnica, legal e procedimentalmente viable que poidan compartir as súas solucións tecnolóxicas e contribuír así a melloras a eficiencia das súas inversións en tecnoloxía.
A Guía ALIAL de Boas Prácticas concíbese como un documento vivo, suxeito a modificacións e achegas, especialmente dos propios concellos que, en calquera caso, poderán adaptala ás súas necesidades xa que se publica con licenza libre Gnu FDL. Está accesible na web de CENATIC e tamén na web do proxecto ALIAL.
É o momento do software libre para as entidades locais
En palabras de Sebastián Muriel, "as administracións públicas deben seguir evolucionando as súas estruturas organizativas e de xestión para dar resposta ás esixencias da Lei de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, e neste sentido, o software de fontes abertas constitúe unha alternativa que resolve con eficacia algúns dos retos plantexados".
Pola súa parte, Miguel Jaque puxo de manifesto que os retos son tecnolóxicos, pero tamén presupostarios e de xestión dos proxectos, ao afirmar que "agora máis que nunca, o software libre preséntase como unha alternativa contrastada, tecnoloxicamente viable e eficiente desde o punto de vista orzamentario, que permite ademais cumprir cos principios de colaboración, reutilización e compartición que deben guiar as inversións en tecnoloxía das administracións públicas que aseguran o seu soporte e evolución posterior".
Finalmente Pablo Gómez, comentou que esta Guía "permitirá ás Administracións Locais establecer as condicións necesarias para que poidan licitar desenvolvementos libres con confianza, establecendo puntos de intervención nos proxectos, e regras asumibles de maneira transparente que á súa vez, permitirán que outras administracións poidan reutilizar os traballos licitados, aforrando custes e mantendo altos niveis de calidade". Con este obxectivo a Guía divídese en dúas partes, “na primeira realízanse consideracións legais, funcionais, procedimentais, organizativas e económicas, así como sobre os criterios de avaliación. A segunda parte describe os contidos básicos dun prego de licitación de calquera proxecto de desenvolvemento libre. Os aspectos técnicos e funcionais de solucións concretas non forman parte desta Guía, senon que serán descritos noutras fases do Proxecto ALIAL".
Fonte: CENATIC
