Mancomún

Presentada a versión oficial de GALPon MiniNo "Alguadaira"

Luns, 20 Setembro 2010
  • GALPon MiniNo é unha aposta pola sustentabilidade, a reciclaxe e a alfabetización TIC con poucos recursos.
  • A súa presentación tivo lugar no marco da celebración do Software Freedom Day en Mugardos.

Día da Liberdade do Software - 2010 - MugardosO pasado sábado, día 18 de setembro celebrouse internacionalmente o Software Freedom Day. En Galicia o lugar de celebración do SFD foi Mugardos, da man da Asociación Cultural «Comunidade O Zulo», quen no marco do Kernel 2010 , quixo sumarse a esta festividade organizando unha xornada de confraternización da toda a comunidade galega a prol do software libre, representada pola maioría dos grupos e asociacións galegas de usuarios de software libre existentes e AGASOL.

GALPon MiniNoE neste marco festivo, a asociación Grupo de Amigos Linux de Pontevedra (GALPon) aproveitou para facer a presentación oficial da nova versión da GALPon MiniNo Alguadaira, na que veñen traballando arreo ao longo deste ano, e da que xa vos fomos dando conta nesta páxina cando as publicación das versión de probas.

Como destacaron durante a súa presentación, que pode verse íntegra na seguinte ligazón, trátase dunha distribución que non pretende ser unha solución ultra rápida para equipos de última xeración, senón que buscar ser razoablemente útil en computadores moi antigos e con baixos recursos.

É dicir, é unha aposta pola sustentabilidade e reciclaxe TIC, en aras da redución do lixo hardware que se acumula no noso planeta a velocidades vertixinosas, ademais dunha proposta para a alfabetización TIC con baixo recursos.
Esta distribución de nome en clave "Alguadaira", está baseada en Debian Lenny e inclúe ducias de aplicativos coidadosamente seleccionados para sacarlle partido aos computadores máis vellos. Entre as características que os propios desenvolvedores destacan desta nova versión está o seu aspecto renovado, moitísimas melloras e utilidades e, como sempre, un especial coidado na tradución de todos os programas, estando practicamente ao 100% en galego, español e inglés. Pero como unha imaxe vale máis que mil palabras, contan cun vídeo promocional no que se pode observar este sistema operativo galego en acción.

Dende GALPon animan a todo o mundo a instalar esta nova versión nos seus computadores con poucos recursos e agradecen calquera tipo de comentario, dúbida, problema, suxestión…na lista de correo en Google Groups (http://groups.google.com/group/minino-distro).

Ademais están a traballar tamén na elaboración dun manual de axuda (de momento só en galego e español) para resolver dúbidas sobre o funcionamento do sistema, de recomendable lectura non só para os que se inician, senón tamén para os expertos, que atoparán apuntes útiles e trucos para sacar maior proveito a GALPon MiniNo.

Algunhas das características máis interesantes desta versión son:

  • Escritorio dobre intercambiable ao voo, baseado en ROX-Filer (principal) e PCManfm.
  • Lxp-icewm con interesantes características extras con respecto a IceWM: mini-aplicativos para controlar o volume, a carga da batería, o mapa do do teclado, selector de escritorios, aparencia máis coidada, etc.
  • Os menús agora actualízanse automaticamente ao instalar programas.
  • No escritorio agora aparecen as tarxetas e memorias USB automaticamente.
  • En ROX-Filer, como na anterior versión, mantemos a distribución dos ítems do menú para que sexa máis amigable, buscador (catfish incorporado), renomeador masivo (integrado tamén), abrir xanela como administrador, cesto de lixo, etc…
  • Tamén utilizamos FUSE para montar automaticamente arquivos comprimidos (zip, tgz, deb, iso…) e ver ou utilizar o seu contido sen ter que descomprimilos.
  • Así mesmo, engadimos unha barra superior de mini-aplicativos para realizar tarefas puntuais ou con ficheiros de forma masiva, por exemplo: cortar/unir ficheiros, calcular a suma md5, redimensionar ou virar imaxes, gravar unha imaxe de cd, crear un CD de son, converter entre distintos formatos de vídeo e son, instalar familias tipográficas no sistema…e todo iso simplemente arrastrando cara ao mini-aplicativo os ficheiros que queremos procesar.
  • Prato forte, cun simple «clic», xeración automática dun LiveCD 🙂
  • LiveCD híbrido, a mesma imaxe ISO pódese envorcar tanto nun CD como nunha memoria USB.
  • Entre os aplicativos que podemos atopar nesta versión están: abiword, mtpaint, ayttm, leafpad, fotoxx, printoxx, gliv, xmms, mplayer, mhwavedit, winff, epiphany, bashare…

Fonte: GALPon e Comunidade O Zulo

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal