Dende GALPon infórmannos que xa teñen dispoñible para descargar a versión candidata (RC) da distribución galega GALPon MiniNo Alguadaira (1.2).
Esta versión engade, a todas as novidades comentadas hai un par de meses coa publicación da versión beta, algunhas melloras e/ou funcionalidades:
Agora é posible facer un USB Vivo (live) directamente coa imaxe .iso como se fora unha imaxe .img, ao fornecer unha imaxe híbrida. Esta nova funcionalidade permite empregar un USB como vivo (live) ou como destino da instalación en máquinas con eventuais problemas:
- Maquinas sen lectora de CD, pero con arranque por USB na BIOS.
- En máquinas cunha lectora de CD defectuosa que non faga instalacións correctas e non dispoña de arranque por USB na BIOS.
- Instalación nun USB en certos escenarios recomendables:
- Máquina con disco ríxido pequeno no que xa temos outro S.O.
- Maquina co disco ríxido defectuoso, ou sen disco ríxido.
Para facer uso destas funcionalidades poden consultarse as completas instrucións USB proporcionadas na propia web do proxecto.
Por outro lado destaca tamén a especial atención prestada ás instalacións en hardware de características problemáticas.
Agora MiniNo incorpora varias opcións de arranque para casos de hardware gráfico problemático:
- VESA 1024×768 e VESA 800×600 para equipos nos que por algunha razón é preciso botar man do controlador xenérico Vesa, como por exemplo se non se dispón dun controlador gráfico adecuado, ou este non funciona debidamente con dispositivos como:
- S3 Aurora64v+
- S3 Inc. 86C270-294 Savage/IX-MV (rev 13
- Trident Microsystems Cyber 9525
- Auto 16/bits/color para equipos con hardware gráfico que non admiten unha profundidade de cor superior aos 16 bits (DefaultDepth 16), normalmente tarxetas anteriores a 1997 como algunhas:
- SIS
- Intel
- Trident
- old serial mouse. Esta é unha petición que nos chega desde Chile e Arxentina, para poder utilizar os ratos por porto serie (COM1).
Fonte: GALPon
