Mancomún

Presentado Chromium OS de Google

Venres, 20 Novembro 2009

Logo de ChromiumXa en xullo, dende Google anunciouse que estaban a traballar nun novo sistema operativo, de código aberto e dirixido a aqueles que pasan a maior parte do seu tempo na web. O nome deste novo sistema operativo ía ser Google Chrome OS.

Onte mesmo publicouse o código fonte do proxecto, baixo o nome de Chromium OS. Segundo contan, espérase que aínda pase un ano ata que o proxecto estea listo para os usuarios, pero decidiron publicar xa o código para poderen traballar cos colaboradores, desenvolvedores e coa comunidade do código aberto. O desenvolvementoserá aberto, co código accesíbel para calquera, e aberto a contribucións.

Neste momento, o proxecto inclúe todo o código actual, algúns experimentos coa interface de usuario, e algúns deseños iniciais aínda sen desenvolver. Con esta base, e cun ano por diante para enriquecela, chegarase ao conxunto final de Google Chrome OS.
Tal como eles mesmos din: Aínda queda moito por facer, e estamos desexando traballar coa comunidade de código aberto. Beneficiámonos enormemente de proxectos como GNU, o núcleo Linux, Moblin, Ubuntu, Webkit, e moitos máis. Queremos achegar o noso código ao repositorio público e colaborar intimamente con estas e outras iniciativas de código aberto.

Na páxina do proxecto en Chromium.org podemos ler a mellor definición do que é actualmente Chromium OS:

Chromium OS é un proxecto de código aberto que intenta construír un sistema operativo que proporcione unha experiencia co computador rápida, simple e segura para a xente que pasa a maior parte do seu tempo na web.

Dende esa mesma páxina pódese acceder a varios vídeos, información para deseñadores da interface, para desenvolvedores, documentos de deseño, e, obviamente, ao código fonte do proxecto.

Aspecto de Google Chromium OS

Aínda que xa hai dispoñíbel vía bitTorrent unha imaxe deste sistema operativo para o sistema de virtualización VmWare (que se pode probar con sistemas libres como Qemu, por exemplo), o único xeito “oficial” de probar este novo produto de Google é, polo momento, obter as fontes e compilar o sistema.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal