O pasado sábado, 14 de maio, foi presentado ao público o proxecto «abeancos.gal», o catálogo dixital aberto do patrimonio cultural da Comarca de Melide, elaborado conxuntamente entre a Asociación Melisa e o Museo da Terra de Melide.

Este catálogo é un proxecto aberto e revolucionario feito por un equipo de voluntarios, que ten por obxectivo divulgar os elementos patrimoniais da Comarca de Melide a través de internet, todos eles, documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres. Para elo emprega tecnoloxía e contidos con licenza libre, no que é unha aposta por divulgar e compartir coñecementos sen as tradicionais limitacións de uso e copia.
A orixe do proxecto
Segundo contan os promotores do proxecto, todo comezou o ano pasado cando asistiron á presentación do proxecto aculturadaauga.org, creado polos compañeiros da Asociación Comunidade O Zulo, de Mugardos.
Así pois, abeancos.gal é un «fork» de A Cultura da Auga, e pretende dar continuidade a un tipo de servizo que pode ser estendido a outras áreas ou comarcas de Galicia.
O nome abeancos.gal non é casual. Optouse por definir así o nome do proxecto limitando os contidos á antiga delimitación da Terra de Melide, e non á demarcación política comarcal actual, carente de todo valor histórico. Abeancos era o antigo territorio no que estaban os concellos de Melide, Santiso e Toques. O concello de Sobrado dos Monxes, pertencía a outra realidade por estar separado pola barreira natural da Serra do Bocelo.
Polo tanto, en abeancos.gal inclúense elementos pertencentes ao antigo territorio de Abeancos,máis aqueles que por situación xeográfica ou por relacións de comunicación directa, estaban vinculados con esta terra. Así por exemplo inclúese algún elemento pertencente a concello de Sobrado dos Monxes, que comparte algunha connotación de tipo histórico.
Clasificación e tipo de elementos que se poden atopar no catálogo
Nun principio o catálogo de abeancos.gal consta de 36 elementos. O portal nace así cun número suficiente de elementos para non saturar nunha primeira toma de contacto, pero sen tampouco quedar curto ou semellar carente de contidos.
Cada un dos elementos incluídos leva unha pequena ficha descritiva onde consta:
- Categoría á que pertence:
- Arquitectura civil: Pazos, Casas Grandes, hospitais de peregrinos, lazaretos, escolas,…
- Arquitectura relixiosa: igrexas, conventos, mosteiros, capelas, santuarios, ermidas,…
- Arquitectura industrial: fábricas anteriores á época industrial.
- Arquitectura popular: hórreos, cabaceiros, palleiras, muíños, lavadoiros, fontes, neveiras,…
- Elementos arqueolóxicos: castros, mámoas, petróglifos, pedras fitas,…
- Paisaxe mítica: aqueles lugares naturais sempre e cando teñan lendas ou tradicións asociados.
- Cruceiros
- Pontes
- Estado de conservación
- Acceso a pé ata o elemento
- A que lugar, parroquia e concello pertence
- Asúa cronoloxía
- A súa xeolocalización mediante coordenadas xeográficas e GPS.
A continuación descríbese o elemento explicando en que consiste e as súas características construtivas e morfolóxicas. Xúntase unha foto de cada un deles, así como un ficheiro de son coas lendas naqueles elementos que teñen algunha asociada.
Outra característica destacable de abeancos.gal, é o mapa libre (OpenStreetMap) onde se localizan cada un destes elementos mediante unha icona representativa e visual de cada un deles.
Datos abertos
Outro aspecto destacable deste proxecto é que non se limita a ser unha ventá en internet ao patrimonio cultural da comarca, senón que ademais publican todos os datos con licenza libre e en formatos abertos.
Un dos obxectivos do proxecto «abeancos.gal» é a publicación da maior cantidade de datos empregando formatos estruturados, evitando na medida do posible os formatos privativos, e que se poidan manexar de xeito automatizado por diferentes ferramentas informáticas.
Cando se publican os datos de xeito estruturado e enriquecido, o que estamos a facilitar é a súa reutilización e incorporación a outras aplicacións para o seu posterior manexo. O uso de formatos abertos, e estándares recoñecidos, permite que estes datos sexan tratados desde diferentes ferramentas sen necesidade de ter que adquirir licenzas de uso.
O futuro
E coma as pingueiras do orballo que van caendo paseniño, novos elementos patrimoniais irán tamén completando aos poucos esta páxina web. Proxecto vivo que aspira a seguir medrando empuxada polo mesmo motor que a puxo en marcha: o traballo voluntario e desinteresado de xente que lle quere ben á súa terra.
