Presentado o Plan de acción FLOSS 2011 xunto co balance do ano 2010 no acto de adhesión ao padroado de CENATIC

Mércores, 9 Marzo 2011

Esta mañá a Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e o subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións, Adrián Lence, presentaron o Plan de acción floss para o ano 2011 nunha xuntanza cos principais axentes do sector Floss galego no que tamén se fixo balance das accións realizadas en 2010 e se formalizou a adhesión ao Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

O Plan de Software Libre 2011 da Xunta ten como obxectivo prioritario impulsar o uso do software libre no sector empresarial e na sociedade en xeral, en colaboración cos principais axentes do ecosistema FLOSS de Galicia como son as asociacións galegas de usuarios e empresas de software libre ou as tres universidades galegas. Ademais a Xunta continuará tomando decisións estratéxicas para desenvolver proxectos de calado baseados en software libre. Iniciativas tan importantes como o desenvolvemento da Administración electrónica ou a integración das TIC na Educación a través do proxecto Abalar.
Software de fontes abertas na Administración

No ámbito da Administración unha das accións previstas para acadar unha verdadeira administración electrónica é a configuración do Rexistro Único da Xunta que integrará os rexistros presenciais e electrónicos nun rexistro común. Este servizo, clave para promover a relación telemática entre os cidadáns e a Administración, realizarase con tecnoloxía baseada en software libre e de fontes abertas.

No ámbito educativo continuarase a formación a profesores no marco do programa Abalar, un proxecto que está a converter as aulas tradicionais en dixitais empregado o software libre nos ordenadores que se están a distribuír entre profesores e alumnos. No curso 2010/2011 arredor de 15.000 alumnos accederon a aulas dixitais con Netbooks equipados con software libre. No curso 2011/2011 Abalar chegará a un total de 31.500 alumnos.

Ademais a Oficina de Coordinación Floss porá en marcha un servizo de asesoramento sobre ferramentas de software libre para as necesidades TIC dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia. En 2010 elaborouse unha guía de obrigado cumprimento sobre as Políticas de uso de formatos nos documentos que se publican nas webs da Administración autonómica. Durante 2011 estas políticas recibirán o impulso apropiado para que progresivamente se vaia incorporando o seu uso na xestión interna diaria da Xunta de Galicia.

Outras directrices sobre as que se fará fincapé é que os novos desenvolvementos tecnolóxicos deberán estar baseados no uso de estándares abertos e empregando compoñentes FLOSS na medida do posible.

Software libre na empresa

Para impulsar o uso do software libre no ámbito empresarial o Plan 2011 prevé varias actuacións. A máis inmediata é a publicación no día de hoxe do Catálogo de produtos e servizos de software libre para empresas. É un documento elaborado no 2010 pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) para facilitar o acceso das empresas a aquelas solucións tecnolóxicas do seu interese baseadas en software libre.

Este ano a Xunta contará co Centro Demostrador TIC para pemes, que porá a disposición das pequenas e medianas empresas unha carteira de servizos con solucións tecnolóxicas baseadas en software libre.

Continuando coas actuacións iniciadas durante o ano pasado, en 2011 potenciarase o servizo integral para a peme galega para que poidan dispoñer, desde a Xunta, dun punto de referencia onde coñecer solucións baseadas software libre. Así, ao longo do primeiro semestre deste ano realizarase unha actualización da información do directorio de empresas que ofrecen servizos relacionados co software libre para que calquera empresa non TIC, ou a propia administración, poidan contactar con empresas que provean solucións FLOSS. A oficina tamén será un punto de referencia e asesoramento para as empresas do sector TIC sobre solucións de software libre. Por outra banda, continuarase coa elaboración de estudos comparados de software empresarial como o recentemente publicado sobre comercio electrónico.

Difusión Software libre entre a cidadanía

Un dos aspectos clave para o éxito das tecnoloxías FLOSS, en particular na vida diaria, é a formación para comprender os beneficios do seu uso. Con este obxectivo o Plan de Software libre 2011 potenciará o portal Mancomún que será o encargado de seguir a actualidade da comunidade FLOSS en Galicia, así como de difundir as novas de interese e casos de éxito para contribuír á difusión do FLOSS.

Ademais continuarase a fomentar a tradución de aplicativos de software libre ao galego en colaboración cos axentes do sector. En canto aos empregados públicos, recibirán formación específica a través da Escola Galega de Administración Pública. O software libre está presente tamén na formación tecnolóxica que a Xunta ofrece aos cidadáns a través da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, (CeMIt) onde todos os equipos teñen instalado o sistema operativo Ubuntu. A rede conta con 94 aulas presentes en 89 concellos e cun plan de formación que chegará a arredor de 12.000 persoas en 2011.

Colaboración cos axentes implicados

Coordinar as accións de promoción e difusión do FLOSS entre os axentes implicados é outro dos aspectos clave do Plan de Software Libre. Deste xeito, renovarase a colaboración coas oficinas de software libre creadas nas universidades galegas para realizar diferentes actividades de difusión, formación, actos e eventos en materia de software libre. Ademais, asinarase coa Universidade de Vigo un convenio para a realización do Máster Universitario en consultoría de Software Libre para capacitar a profesionais para dirixir proxectos TIC aplicando técnicas e ferramentas baseados en software libre.

Renovaranse os convenios asinados coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre AGASOL, para levar a cabo un proxecto mediante o que formará a empresas TIC para a implantación do software Navalplan e realizará unha implantación nun estaleiro e en dúas empresas auxiliares. Tamén se asinarán convenios coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre AGUSL para facilitar a encomiable labor voluntaria que estas asociacións veñen desempeñando para a realización de actuacións para o fomento, desenvolvemento e implantación do FLOSS en Galicia.

Galicia no Padroado de Cenatic

Na xuntanza formalizouse a adhesión de Xunta ao Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación Cenatic. A secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o director de Cenatic, Miguel Jaque, asinaron o documento que acredita a incorporación de Galicia ao Padroado de CENATIC.

Coa integración da Xunta en CENATIC, o Goberno galego consegue que Galicia teña voz e voto na entidade que toma as decisións estratéxicas para o fomento do software libre a nivel estatal. Pertencer ao padroado de Cenatic axudará a impulsar o sector empresarial TIC autonómico xa que facilitará a difusión nacional e internacional das propostas e ofertas das empresas galegas e a procura de sinerxías e socios con empresas doutras autonomías.

Ademais reportará beneficios xerais inmediatos ao permitir participar dun xeito máis fluído en iniciativas promovidas a nivel estatal e mellorar a colaboración coas comunidades autónomas e a Administración xeral do estado para a compartición e reutilización do código liberado. Tamén permitirá dispoñer dun servizo de asesoramento sobre aspectos xurídicos, tecnolóxicos e metodolóxicos en materia de FLOSS.

O padroado de CENATIC ten un modelo mixto formado polo Ministerio de Industria, turismo y Comercio, a través da entidade Red.es, así como polos gobernos de Extremadura, Andalucía, Asturias, Aragón, Cantabria, Catalunya, País Vasco e Baleares , a entidade pública empresarial Gpex e as empresas Atos Origin e Telefónica, aos que se suma hoxe Galicia.

Tanto a documentación empregada na presentación de hoxe, como o Plan de acción 2011 como o balance do ano 2010 encóntrase dispoñible nos portais mancomún e imit da Xunta de Galicia.

Fonte: Xunta de Galicia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal