No día de onte presentouse a versión 0.5.0 do fantástico aplicativo para a tradución Virtaal.
“Virtaal” é unha palabra do idioma Afrikaans que significa “para o idioma”, pero tamén se refire á tradución. Virtaal é unha ferramenta gráfica para a tradución. Está deseñada para ser ao mesmo tempo fácil de usar e potente. Aínda que inicialmente se enfoque á tradución de software, os autores esperan facer de Virtaal un aplicativo útil para propósitos variados. Está construído sobre a potente API do Translate Toolkit.
Entre as melloras destacadas desta versión podemos atopar as seguintes:
- A busca na Web permite buscar texto seleccionado en calquera sitio web
- Resaltado das diferenzas en coincidencias de memoria de tradución cando a coincidencia non é exacta
- Novos complementos para a tradución automática con Google e Moses
- Compatibilidade correcta con Open-Tran para idiomas con modificadores rexionais
- As solicitudes web agora aceptan respostas comprimidas se o servidor as ofrece
- Novos ficheiros de autocorrección para o luxemburgués e o croata
- Novas traducións
- Varias correccións de erros
Esta versión tamén se beneficiará dalgunhas melloras que se incluíron en versións recentes do Translate Toolkit, incluíndo a compatibilidade con ficheiros de glosario de OmegaT, e o novo e experimental intérprete de PO, moito máis rápido.
O manual de usuario é unha maneira excelente de aprender de que xeito Virtaal nos pode axudar. A lista completa de características pode atoparse nesta ligazón.
